Etiqueta Negra, a cita dos produtores gourmets galegos

82
  • A cita é esta fin de semana, do 28 ao 30 de outubro, no Recinto Feiral 
  • Prestixiosos chefs galegos, como Yayo Daporta, Luis Veira ou Iñaki Bretal, elaborarán as máis saborosas receitas con produtos galegos de alta calidade
  • Presentacións de produtos e de novas liñas gourmet, degustacións, demostracións, exhibicións, catas comentadas e outras moitas actividades sucederanse durante os tres días de feira

Pontevedra converterase esta fin de semana (sábado 28, domingo 29 e luns 30) na capital dos produtos gourmet galegos coa celebración da segunda edición de Etiqueta Negra, na que participarán 67 produtores que destacan pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a maior calidade das súas propostas.

Durante este tres días, profesionais do sector, produtores e consumidores reuniranse nun mesmo espazo co fin non só de coñecer tendencias e establecer novos contactos comerciais, senón tamén de posicionar e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos. Este punto de encontro será no Recinto Feiral, en horario ininterrompido de 11:00 a 20:30 horas. Asemade, cómpre destacar que se ben a xornada do luns 30 está centrada no público profesional, a entrada permanecerá igualmente aberta ao público xeral.

Cita ineludible

Con tan só dous anos de vida, Etiqueta Negra é xa unha cita ineludible para empresas e produtores do sector, profesionais da alimentación, restauración e distribución así como consumidores que valoran cada día máis o que degustan.

Organizada polo Concello de Pontevedra, esta feira profesional conta co patrocinio principal de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía desde o punto de vista creativo e innovador, así como da Deputación de Pontevedra e da Mancomunidade do Salnés. Tamén colaboran nesta segunda edición a empresa de deseño e fabricación de mobiliario gourmet Tawi, Gadis, o CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Martínez Blanco Vestiario Profesional e Froiz.

Expositores e produtos

Case 70 representantes da alta gastronomía e alimentos singulares galegos presentarán os seus produtos en Etiqueta Negra. Haberá marmeladas, cervexas, viños, queixos, conservas, angulas, patés, lamprea, castañas, cafés, licores, sidras, galletas, patés, carnes, embutidos, salsas e aderezos, tortas, galletas e doces… de empresas como A Pementeira, Acuarios Oceánicos Prieto, Adega Pateira, Aeiroá Galiña de Mos, Albariño Terras de Compostela, Ánades Galicia, Angulas Río Miño, Anxemí, As Camposeiras, Bico de

Xeado, Bodega Roandi, Cafés Sabora, Campo Capela, Carabuñas Os do Sabugueiro, Casa da Avoa, Cervexa Faxilda, Cervexa Nasa, Cervexas Meiga, Club del Café, Conservas Artesanas Ares, Conservas Sotavento, COOP. Caprina Galega, CroketasD’, Dairylac, El labrador estradense, Embutidos Lalinense, Galician Brew, Galletas Mariñeiras, Ganadería Balín, Gran despensa, Habelas Hailas, Icaviar Spain, Jamones Rodríguez, La Mariquita de Azúcar, Leite Ulla, Licores Os Maios, Licores Berrimes, Los Peperetes, Mareterra Deluque, Martínez Blanco Vestiario Profesional, Mel do Saldoiro, Mirabel do Rosal – Alén do Val, O Submarino Alta Conserva, Orballo, Paladar Queso, Pennywaffle, Queixos Brigantia, Queserías Sarrianas, Refix, Requeixo e mel das Neves, Ribela, Sabores Caseros, Souto da Trabe, Tartesa, Tawi, Terras da Mariña, Torta de Sarria, Touza Vella, Tres Fuciños, Tres Pastas Delicatessen, Viño Celeirós, Volalla Marmeladas Artesás, Xianas Galletas Artesás ou Yatecomeré.

Cociña en directo

De novo, apoiando esta iniciativa estarán prestixiosos chefs que elaborarán as máis saborosas receitas con produtos galegos de alta calidade, sinónimos de tradición e autenticidade, pero ao tempo contemporáneos e innovadores, con sabor auténtico a Galicia; produtos que identifican un territorio, traspasan fronteiras e son demandados nos principais mercados estatais e do estranxeiro.

Así, o chef Estrela Michelín Yayo Daporta deleitará ao público asistente cociñando o mar cunha cociña “baseada no bo gusto e sentido común e a cabalo entre a vangarda e a tradición” que fai da súa gastronomía toda unha experiencia para os sentidos. Tamén a creatividade doutro Estrela Michelín, Luis Veira (Árbore da Veira), non deixará a ninguén indiferente e sorprenderá coas súas innovadoras combinacións e transformacións de produtos sen modificar a súa esencia e sen perder de vista o equilibrio estético.

Inaki Bretal, chef d’O Eirado da Leña, centrará a súa exhibición de cociña en directo no despezamento dos nosos peixes e o aproveitamento das súas partes; e a parella de cociñeiros Paco Chicón e Sergio Musso, do restaurante coruñés Eclectic, ofrecerán unha reinterpretación moi persoal do receitario galego, combinando alimentos e sabores que fan referencia á historia migrante de Galicia e dos propios produtos que forman parte da súa tradición culinaria.

Asemade, Etiqueta Negra será o espazo de traballo no que o chef Rubén González, de El Cafetín de La Alameda, elaborará diversas tapas creativas, entre elas Jack o Lagostino “Imos por partes”, que lle levou a conseguir por segundo ano consecutivo o Premio Tapa Pontevedra na pasada edición do concurso gastronómico Pontedetapas 2016.

O produto galego en valor

Dar a coñecer e poñer en valor a calidade dos produtos galegos é un dos obxectivos principais desta feira profesional. Así as cousas, Gerson Iglesias, chef e propietario do espazo gastronómico Ruxe Ruxe, realizará unha demostración en directo da súa cociña, neste caso poñendo en valor pequenos tesouros do vacún que, ás veces, costa atopalos no mercado. Utilizará para iso carne de becerros de raza limiá da Ganadería Balín, un do expositores da feira. Tamén da man doutro expositor, a granxa Aeiroá, o cociñeiro Oliver Fernández Batista fará o propio co galo de Mos, 100% raza autóctona.

Os centros de formación de hostalería estarán tamén presentes nesta nova edición. Deste xeito, o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra desenvolverá a gastroactividade “Produtos de etiqueta para un Orozamenú gourmet”, deseñada e elaborada polo alumnado do 2o curso de C.S. Dirección de Cociña Dual e C.M. Servizos de Restauración a partir de diferentes produtos dos expositores de Etiqueta Negra. E ovas de sepia con vinagreta evolucionada, hamburguesa de pinto con crema de grelos e lombo recheo de coello con crema de castañas e verduritas glaseadas son as elaboracións que realizará e servirá o alumnado de Operacións Básicas de Restaurante e Bar, e de Cociña, do Obradoiro de Emprego “Hostalería do Salnés IX”, grazas ao patrocinio da Mancomunidade do Salnés. Ambas as dúas degustacións terán unha capacidade limitada a 100 persoas.

Obradoiro de té

Dentro da programación da feira e tras o éxito de convocatoria da pasada edición, a Deputación Provincial organizará cinco talleres sobre o té galego para dar a coñecer as posibilidades produtivas e de mercado deste cultivo feito con camelias da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Para poder facelo, instalará unha tetería na que as sumillers de té Laura Rodríguez Rey e Alicia Colmenar impartirán sesións comentadas para que as persoas participantes poidan coñecer os diferentes tipos de té, a súa orixe, propiedades e a forma correcta de preparalo. Hai 20 prazas dispoñibles en cada quenda e será imprescindible inscribirse con antelación na propia tetería.

Punto de Encontro Profesional

Expositores e distribuidores manterán intercambios comerciais no Punto de Encontro Profesional no que está previsto que se celebren máis de 300 reunións de traballo. Esta zona cédese aos expositores de maneira gratuíta como apoio para facilitar o acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios. Para desenvolver estas axendas de reunión contactouse con máis de 80 distribuidores e 90 tendas gourmet de toda Galicia.

Presentacións de produtos, como o licor de mojito de Licores Berrimes, a cervexa de Mirabel, ou a crema e xeados de Requeixo das Neves, un curso de fotografía gourmet para redes sociais, unha master class sobre cociña en miniatura ou catas comentadas de Mahou Cervezas e das empresas expositoras, son algunas das moitas actividades que se sucederán ao longo dos tres días da feira e que requiren inscrición previa.

Por último, e para que o público asistente poda gozar durante todo o día de Etiqueta Negra e para repoñer forzas degustando exquisitos produtos, estarán os postos de comida de El Mono con Sombrero, Galipizza, La Pepita, Pepa a Loba e Laconlover Galician StreetFood.