-
- Raimundo González reuniuse esta tarde coas Federacións de Asociacións de Veciños.
- A Concellaría pretende ter un borrador dos orzamentos dentro de quince días para pasarllos aos grupos municipais.
- As contas provisionais ascenden a 74 millóns de euros
O Concello de Pontevedra xa traballa no proxecto de Orzamentos de 2018 que chegará aos 74 millóns de euros, segundo os primeiros datos cos que traballa o Goberno Local. O concelleiro de Economía, Raimundo González avanzou esta mañá que están pendentes de confirmar cales serán as transferencias do Estado e tamén cal debe ser o incremento salarial para os funcionarios. Pendente dos datos definitivos, o concelleiro de Economía adiantou que se consignarán os ingresos do Estado de 2017 e un incremento para o persoal, de 1,5%.
Esta mesma tarde, Raimundo González e a alcaldesa en funcións, Carme da Silva reuníronse coas Federacións de Asociacións de Veciños de Pontevedra para informarlles do inicio deste proxecto de Orzamentos e pedirlles a súa participación activa. Ao igual que o irán facendo os concelleiros delegados das parroquias nos respectivos Consellos parroquiais.
Na segunda semana de novembro, o Goberno ten previsto ter o primeiro borrador de orzamentos, coa incorporación xa das propostas veciñais. A partir dese momento, trasladaráselles aos grupos municipais, coa idea de poder celebrar un pleno na primeira semana de decembro.
Raimundo González adiantou que é intención do Goberno manter unha comunicación preferente co Grupo municipal Marea xa que apoiou o orzamento vixente. Asegurou que “mantemos conversas todas as semanas”, e confirmou que tentará levar a reforma da ordenanza de Emerxencia Social no mes de novembro. Ao tempo, tamén se tramitará a ordenanza da Renda Social, para a que se cursou unha petición á Xunta de Galicia para determinar a cuestión competencial, e determinar se o Concello pode facer o pago desas axudas.
A expensas dos datos definitivos, Raimundo González adiantou que o capítulo de persoal será de 21,8 millóns, incrementando un 0,5%, debido ao incremento salarial. O Gasto corrente tamén incrementa 600.000 euros, até os 31.460.000 euros debido á subida do Servizo de Axuda a Domicilio (SAF).
Os intereses serán de 350.000 euros, e a amortización de crédito de 2.350.000 euros. As transferencias do Concello incrementarán en 100.000 euros para o Pazo da Cultura, situándose con carácter xeral en 4.450.000 euros.
O capítulo de investimentos será similar a 2017 cuns 12,8 millóns de euros e as transferencias serán de 350.000 euros.
Non se inclúen nos orzamentos municipais das contías do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), xa que aínda están sen confirmar polo Goberno central.