Obras de mellora no aparcadoiro do Pazo, Os Areais, a praia fluvial e Pontemuíños

90
  • As catro actuacións, que suman máis de 700.000 euros, comezarán a próxima semana co fin de estar rematadas co ano

O concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez, anunciou a posta en marcha  a próxima semana de catro novas obras. Son actuacións que “responden ao que é o modelo holístico de Pontevedra. Atenden a barrios, parroquias e centro; atenden tanto ao medio ambiente, como  promoción do turismo ou a mellora da accesibilidade” subliñou o concelleiro.

As obras que comezarán a semana que ven teñen un custe global de máis de 700.000 euros e estarán feitas todas elas por empresas locais. Son as seguintes:

  • Arranxo do aparcadoiro do Pazo da Cultura e mellora da accesibilidade na contorna

O concelleiro Demetrio Gómez lembrou que nesta zona hai un aparcadoiro disuasorio e un polo de atracción moi importante: o Pazo da Cultura. Ademais, engadiu, permitirá completar o plan de accesibilidade dos centros de ensino da Xunqueira ao incluír toda a beirarrúa que arrodea o aparcamento. A actuación inxírese no plan xeral de mellora da accesibilidade aos centros de ensino, sanitarios e sociais.

A obra saiu a licitación por 241.000 euros e foi adxudicada a E.C. Casas. Ten un prazo de execución de 3 meses. Consiste na pavimentación do estacionamento e a mellora da seguridade viaria no tramo comprendido entre a avenida de Compostela e a Ponte dos Tirantes, así como da reparación das beirarrúas (arredor de 1.000 metros) para que o tránsito peonil sexa cómodo, seguro e accesíbel.

Ao tempo tamén se substituirán os servizos de subministro de auga potábel e de saneamento, ademais de facerse o soterramento da liña telefónica do Pazo da Cultura.

Pavimentarans 6.000 metros cadrados, nos que hai marcados 184 estacionamentos para vehículos.

  • Mellora da accesibilidade en Pontemuíños (Avda das Camelias)

Tamén aquí hai polos de atracción moi importantes: un centro educativo, social, sanitario e centro para persoas con parálise cerebral e outro deportivo, as piscinas. Ademais están os  veciños e veciñas do barrio. Esta actuación inclúe o arranxo das beirarrúas, instalación de medidas de calmado de tráfico (lombos).

A obra saiu a licitación por 123.000 euros e foi adxudicada a Naturgalia quen incluiu como mellora a instalación de máis luminarias

  • Dotación de subministro de auga aos Areais, en Mourente

A obra que saíu a licitación por 105.000 euros foi adxudicada á empresa Oserco, que incluiu como mellora 50 metros lineais máis de tubaxe e o incremento do grosor da reposición asfáltica

  • Mellora da praia fluvial

Farase unha actuación integral. O proxecto contempla retirar a capa de xeotéxtil da praia, polo que será preciso retirar a area, sacar a manta de xeotéxtil e substituíla por outra máis moderna e efectiva. Logo reporase a area, aproveitando aquela que sexa posible e facendo as achegas necesarias. Os traballos faranse mantendo unha barreira de anticontaminación para evitar danar o leito do río, e creando unhas vías de acceso dentro da praia para os camións que deberán traballar no areeiro. 
 A mellora completarase con melloras nas duchas e tamén nos accesos á praia. A obra saíu a licitación por 234.000 euros foi adxudicada a Covsa.