Rematado o prazo de prresentación de ofertas son dez as empresas que amosaron o seu interese en facerse co novo contrato de concesión do servizo de abastecemento de auga potable e saneamento do Concello de Pontevedra, segundo informou hoxe o portavoz do Goberno local e concelleiro responsábel do Ciclo da Auga, Raimundo González.
As empresas interesadas son as seguintes:
- Socamex SAU
- Viaqua Gestión Integral de Aguas de Galicia SAU
- Gestagua Proyectos SL
- UTE Espina & Delfin SL- Construcciones E.C.Casas
- FCC Aqualia- COVSA
- Sociedad de Fomento Agrícola Castellonense SA
- FACSA – Valoriza Agua SL- Civisglobal SLU
- Técnicas y Gestión Medioambiental SAU
- Acciona Agua Servicios SLU
- Augas de Valencia SA- Setec Building SLU
Presentadas as ofertas para a concesión do servizo municipal do Ciclo da Auga – abastecemento de auga potable, mantemento da rede de saneamento e depuración de augas residuais- o seguinte paso a dar será a convocatoria da mesa de contratación na que se abrirán as plicas co fin de acreditar que as propostas cumpren os requisitos esixidos e dar paso a avaliación das mesmas. Esta mesa reunirase o máis pronto posíbel, “se non nesta, na próxima semana” indicou Raimundo González.
O novo contrato terá unha vixencia de 20 anos, cunha prórroga máximo dun ano e un custe anual de arredor de 6,5 millóns de euros. As empresas terán que facer un investimento mínimo de 13 millóns de euros na rede de saneamento e pagar un canon en “cash” ao Concello de 1,5 millóns de euros polo uso da rede.