Pontevedra chega a Corea para recoller o premio das Cittaslow pola súa mobilidade

169
  • O alcalde chegou hoxe a Seú se traslada a Jeonju para recoller un galardón que premia como boa práctica o impulsio dunha mobilidade para facer unha cidade mellor
  • Manterá un encontro coa prensa local e internacional, e dará unha conferencia sobre o modelo de cidade á que asistirá o alcalde de Seúl

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores chegou hoxe a Seúl, Corea do Sur, para recibir un novo premio ao modelo de cidade. Nesta ocasión vén da man de Cittaslow, International network of cities where living is easy que celebra na cidade coreana de Jeonju, o World slowness forum & awards 2017, o día 2 de novembro.

Cittaslow International é unha rede de cidades onde vivir é fácil, tendo como premisas a protección da ecoloxía natural da cidade, promover a cultura tradicional, conservar os produtos e as artesanías locais, e incrementar a calidade de vida dos veciños… Cittaslow aposta por un crecemento económico máis lento e sostible para que as sociedades sexan máis humanas e os seus residentes máis felices; fronte a un crecemento a gran velocidade que acabou sacrificando as almas das cidades e dos seus residentes.

Representantes de Cittaslow estiveron en xuño de 2016 en Pontevedra coñecendo a cidade, da que quedaron gratamente sorprendidos. Naquel momento xa convidaron ao alcalde a participar neste foro de novembro, convite que chegou a Pontevedra acompañado dun novo premio para a cidade, na categoría de mellor práctica por “impulsar unha mobilidade para facer unha cidade mellor”.

O acto celebrarase este xoves en Jeonju, unha cidade de 750.000 habitantes situada no centro de Corea do Sur, a onde se trasladará mañá o alcalde, acompañado do xefe da Policía Local, Daniel Macenlle para participar en diversos actos organizados pola rede internacional de Cittaslow.

Mañá pola mañá (hora local) está previsto un encontro con medios de comunicación locais e internacionais, ademais de varias visitas á cidade de Jeonju para coñecer as tradicións locais e as diferentes prácticas que o concello coreano puxo en marcha para mellorar a vida dos seus cidadáns.

Na xornada do xoves será o momento no que Pontevedra reciba o premio á mellor práctica por pór en marcha unha mobilidade que mellora a cidade e a vida dos seus habitantes. Será no transcurso dunha xornada matutina na que está prevista que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores dea unha conferencia aos presentes explicando o modelo de Pontevedra.

Estará acompañado doutros alcaldes como o de Jeonju, SeungSu Kim; do alcalde de Seúl, Wonsoon Park e o alcalde da cidade italiana de Asolo, Mauro Migliorini. Tamén estarán presentes nas conferencias diversos representantes de todo o mundo das Cittaslow: Corea, Xapón, Australia, Polonia, Taiwán.

Está previsto, tamén, que na xornada do xoves os tres alcaldes presentes asinen un acordo, a modo de irmandade, na que se comprometerán a continuar traballando nesta liña en beneficio dos veciños de cada unhas das cidades que dirixen.