Pontevedra e Jeonju acordan colaborar para fomentar os intercambios entre ambas cidades

42
  •  A sinatura deste acordo realizouse no Concello de Jeonju e foi precedida dunha reunión dos dous alcaldes
  • Kim SeungSu explicoulle a Fernández Lores que nos vindeiros tres anos pretende facer de Jeonju unha cidade como Pontevedra
  • O alcalde coreano informou a Lores do interese de varias cidades do país no modelo urbano de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores asinou esta mañá un acordo de colaboración coa cidade coreana de Jeonju para traballar na promoción e cooperación de intercambios nos ámbitos dos intereses de ambas cidades: coñecementos, información…, e no cumprimento dun memorandum de entendemento para cidades amistosas, para fomentar a amizade entre os seus cidadáns.

Miguel Anxo Fernández Lores foi recibido por Kim SeungSu no vestíbulo do concello de Jeonju onde lle explicou que está aberto a toda a cidadanía, de feito existe unha cafetería, unha pequena biblioteca, tamén están as imaxes de todas personaxes insignes do concello.

No seu despacho, que durante a súa ausencia permanece aberto ás visitas dos coreanos, mantiveron unha conversa sobre como poder facer de Jeonju unha cidade para as persoas. Kim SeungSu asegurou que ten como obxectivo converter a Jeonju en Pontevedra no prazo de tres anos. Tamén relatou a oposición dunha parte da cidadanía contra este proxecto que xa ten en marcha en distintos puntos da cidade, especialmente nos ámbitos históricos.

Tamén lle manifestou o interese de moitos concellos de Corea en coñecer o modelo de Pontevedra para aplicalo no país asiático. Fernández Lores convidounos a visitar a cidade do Lérez e comprometeuse a axudalos na medida das posibilidades e da disponibilidade do concello.

Durante a reunión, Kim SeungSu amosoulle a Fernández Lores un vídeo sobre Jeonju “Moments of Jeonju”, e asinaron o acordo de colaboración co propósito de traballar man a man.

Finalmente intercambiaron agasallos tradicionais das súas cidades. O alcalde de Pontevedra entregoulle un prato de Sargadelos co estudo de Pontevedra, e recibiu a figura dun tigre tradicional, propiedade do alcalde, que quixo entregarllo dado que está considerado un amuleto para alonxar os malos espíritos e para previr os incendios. Explicoulle Fernández Lores que “é algo do que estamos moi necesitados en Galicia, porque alí hai moitos lumes”.