A reforma do campo da festa e contorna de San Cibrán completa o núcleo de centralidade de Tomeza

129
  • Os comuneiros autorizan a actuación desenvolvida en 5.800 metros cadrados de monte veciñal
  • Xerarase tres espazos diferenciados: o campo da festa, o arredor da capela e a zona do miradoiro
  • A actuación súmase ao proxecto do campo de Casaldorío e ao acondicionamento da contorna do Local social de Lusquiños e do aparcadoiro de San Pedro,

Primeiro presentouse o proxecto do campo de Casaldorío, após o arranxo da contorna da novo Local social de Lusquiños (antiga escola), a continuación o do aparcadoiro de San Pedro e arredores e hoxe o concelleiro delegado de Tomeza, Alberto Oubiña deu a coñecer o proxecto que acabará de reformular o núcleo de centralidade da parroquia: o acondicionamento do campo da festa de San Cibrán. Ás catro actuacións sumarase a implantación de medidas de calmado de tráfico nos vías de unión da parroquia.

Para sacar adiante a reforma na zona de San Cibrán, situado en terreos comunais, o Concello de Pontevedra conta coa colaboración da Comunidade de montes de Tomeza, propietaria dos terreos, por iso ao carón do concelleiro estaba a presidenta dos comuneiros, Diana Rodríguez Regueira. A asemblea da Comunidade de montes de Tomeza autorizou a actuación neste espazo, de case 5.800 metros cadrados no que hai tres construcións: o palco da música, a ermida de San Cibrán e o miradoiro.

O acondicionamento do campo da festa levará a limitación do acceso de vehículos a zona. O acceso actual pecharase con bolardos (móbiles por se é preciso usalos) e crearase un acceso pavimentado novo que chegará ata onde está o actual palco da música para uso dos camións das orquestras. Derrubarase o vello e deteriorado palco e gañarase ese espazo para os escenarios. Ademais un longo banco separará o campo da festa da contorna da ermida, que terá pavimentado diferenciado e con espazos abertos no chan a modo de “bañeira” para recoller as pedras usadas para quitalo meigallo o día da romaría de San Cibrán.

Por outra banda reformarase o miradoiro de San Cibrán, do que se vai a conservar o frontal. A nova construción garantirá a accesibilidade. Entre o espazo ovalado arredor da capela e o miradoiro habilitarase a zona como área de lecer para a veciñanza.

O Concello de Pontevedra cifra en uns 560.000 euros o custe global das actuacións dirixidas a consolidar o núcleo de centralidade de Tomeza. Unha actuación que enmarca na estratexia DUSI e polo tanto susceptíbel de ser cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos FEDER.

O concelleiro Alberto Oubiña agarda que o vindeiro ano o proxecto (global) estea contratado e as obras feitas.