Pontevedra e O Salón, na Feira Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil de Cidade de México

36

México será o primeiro país convidado do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que convértese en internacional

A concelleira de Cultura, Carme Fouces falará de Pontevedra na FILIJ 2017 e manterá reunións de traballo para coordinar o programa e a delegación mexicana que virá á cidade

As relacións do Concello de Pontevedra coa FILIJ foron iniciadas pola concelleira Anabel Gulias e o alcalde Miguel Fernández Lores durante a pasada misión oficial ao país azteca

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra -O Salón- está nun proceso de reformulación que inclúe a súa internacionalización. México será o primeiro país convidado e no país azteca estarán a concelleira de Cultura, Carme Fouces e a coordinadora do Salón, Eva Mejuto durante a próxima semana co fin de avaliar a proposta de programa e delegación que virá á Pontevedra en 2018 mais tamén para ter presencia e participar na Feira Internacional de Literatura Infantil y Juvenil -FILIJ- de Cidade de México.

O modelo de cidade de Pontevedra estará presente na Feira Internacional de Literatura Infantil y Juvenil -FILIJ- de Cidade de México, da man da concelleira de Cultura
Carme Fouces participará coa conferencia: “Una Ciudad para la infancia”, o luns 13 de novembro de 18 h a 19:30 h, nun evento dirixido a institucions gubernamentais,asociacións civís e os diversos actores da cadea do libro infantil e xuvenil. Esta actividade está organizada polo Ministerio de Cultura Mexicano en coordinación coa Cámara Nacional de la Industria Editorial Mexicana (CANIEM).

Non será a única finalidade da viaxe, senón o punto de partida para una serie de reunións de traballo institucional de cara ao irmanamento do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra coa FILIJ. A concelleira de Cultura coordinará, con diversas institucións mexicanas o programa de convidados e convidadas que asistirán ao Salón da Boa Vila no programa específico do País Convidado da vindeira edición: México (autores e autoras, ilustradores/as, narradora e diversas personalidades do mundo da LIX mexicana…) Así mesmo, establecerá relacións bidireccionais para que en México se coñeza tanto o modelo de cidade como a relevancia da LIX galega en xeral e a organización do Salón en particular.

Por outra parte, a coordinadora do Salón, Eva Mejuto, participará convidada pola organización da FILIJ no seminario Internacional de Fomento da lectura, o martes 14 ás 16,00 horas, coa temática “El libro álbum en tiempos de conflicto”.

As relación do Concello de Pontevedra coa FILIJ foron iniciadas na pasada misión institucional e comercial ao País Mexicano pola concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías e o alcalde Miguel Anxo Lores. Agárdase desta viaxe, a consolidación dos contactos iniciados, e a súa tradución en propostas concretas de colaboración e apoio da programación de 2017 do Salón.