O modelo urbano fixo de Pontevedra unha cidade amiga da infancia, sinala Fouces na FILIJ de México

21
  • A concelleira de Cultura subliña que os nenos e nenas ocupan, con pleno dereito, as rúas e prazas da cidade
  • Mantén reunións de traballo na Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil de México co fin de crear un programa de actividades conxunto co Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
  • Carme Fouces sinalou ao Salón como un proxecto clave para traballar coas crianzas durante todo o ano
  • México será o primeiro país convidado do Salón, que pasa a ter proxección internacional

Os nenos e nenas ocupan, con pleno dereito, as rúas e prazas de Pontevedra. Unha realidade que acredita a súa condición de cidade amiga da infancia. A concelleira de Cultura, Carme Fouces, tomou a palabra onte na Feria Internacional del Libro nfantil y Juvenil (FILIJ) de Cidade de México para falar do modelo Pontevedra e a súa relación coa infancia, un proxecto que escoita e da importancia ás reivindicacións das crianzas en cando ás necesidades do seu ámbito vital. O FILIJ é dos eventos de literatura infantil e xuvenil máis importantes e concorridos de Latinoamérica, cada día recibe máis de 40.000 visitantes.

“Unha cidade para a infancia”, foi o tema da charla-debate impartida onte pola concelleira Carme Fouces na FILIJ-2017, nun evento dirixido a institucións gobernamentais, asociacións civís e os diversos actores da cadea do libro infantil e xuvenil. A actividade foi organizada polo Ministerio de Cultura Mexicano en coordinación coa Cámara Nacional de la Industria Editorial Mexicana (CANIEM).

O modelo urbano de Pontevedra despertou un gran interese do público, principalmente do sector editorial e de institucións públicas e privadas do país. A concelleira de Cultura destacou que aínda que Cidade de México multiplica por 100 a poboación de Pontevedra, é posible traballar cun concepto urbano por e para as persoas como o que leva implementando Pontevedra con grande éxito e recoñecemento internacional.

O Salón

Por outra banda, a concelleira de Cultura destacou o papel do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra coma un proxecto clave para traballar coas crianzas durante todo o ano, que na próxima edición ten unha forte proxección internacional con México como país convidado.

Ademais da intervención na FILIJ, Fouces mantivo onte reunións de traballo co Centro Cultural de España en México co fin de crear un programa de actividades conxunto para o Salón 2018 e establecer futuras propostas, partindo do libro e a lectura, de interrelación entre escolas de Pontevedra coas de Oaxaca e Cidade de México. O FILIJ é dos eventos de literatura infantil e xuvenil máis importantes e concorridos de Latinoamérica, cada día recibe máis de 40.000 visitantes.

As relacións do Concello de Pontevedra coa FILIJ foron iniciadas na pasada misión institucional e comercial ao País Mexicano pola concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías e o alcalde Miguel Anxo Lores.