Chega Debut 2017, a pasarela que amosa a creatividade de Esdemga

62
  • O Pazo da Cultura acollerá o 23 de novembro a pasarela na que 15 novos titulados/as presentarán os seus proxectos de fin de estudos e máis de 50 alumnos/as traballos desenvolvidos na actividade académica
  • Mónica Mendoza Bravo, directora de Deseño Téxtil e Moda en CENTRO (México) participará nas actividades de Debut, unha presenza froito das sinerxias xurdidas na misión institucional e comercial ao país azteca do pasado agosto 
  • O Concello de Pontevedra promove esta cita coa moda dende o seu nacemento, hai 12 anos

O Pazo da Cultura acollerá o próximo 23 de novembro unha nova edición de Debut, a pasarela de moda que porá baixo os focos os traballos de case 70 estudantes e titulados de Esdemga (Escola de Dseño Téxtil e Moda de Galicia, agora Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda).

O programa de actividades que Esdemga articula arredor do desfile foi presentado hoxe pola directora de Esdemga, Lola Dopica, a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho e a decana de Belas Artes, Silvia García.

Quince egresadas e egresados estrearán as coleccións que constitúen os seus proxectos de fin de estudos nun desfile que se complementará coa presentación dunha serie de traballos realizados, no marco da actividade académica, por máis de 50 alumnos e alumnas dos diferentes cursos da titulación que se imparte na Facultade de Belas Artes. “Intentamos sempre que o desfile sexa un exercicio de dar a coñecer a creatividade que hai aquí”, salientou Lola Dopico na presentación dunha iniciativa que, ao longo da vindeira semana, se verá complementada por unha serie de talleres e conferencias centradas no mundo da moda.

A concelleira Anabel Gulías lembrou a aposta do Concello por Debut dende o seu nacemento hai xa doce anos, “non só porque considerabamos que era unha actividade indispensable para poñer en valor os estudos que se facían en Pontevedra e amosar a calidade dos futuros e futuras profesionais, senón tamén porque permiten dar un carácter diferente á cidade, un carácter dinámico, alternativo e moderno”.

A concelleira de Promoción da Cidade destacou a presenza no programa de Debut 217 de Mónica Mendoza Bravo, directora de Deseño Téxtil e Moda en CENTRO (México) quen impartirá unha conferencia sobre “Moda. Unha visión da actualidade creativa dende México”, no Espazo Nemonon, o 22 de novembro, ás 20.00 horas. A súa presenza, subliñou a concelleira, é froito das sinerxías xurdidas da misión comercial a México de agosto.