A obra do saneamento do Gafos afronta as últimas semanas de traballo

56

    • Mañá comezan os traballos na rúa Otero Pedraio, antes de acometer o tramo urbano entre a avenida da Estación e Alcalde Hevia, incluída dentro das melloras do proxecto.
    • O bo tempo permitiu acelerar a obra.

As obras do saneamento do Río Gafos afrontan nestes días os últimos traballos. De feito, será preciso pechar a rúa Otero Pedraio as vindeiras tres semanas para traballar neste último tramo. O concelleiro responsable do Ciclo da Auga, Raimundo González explicou esta mañá que o bo tempo favoreceu que se adiantara o proxecto que poderá estar rematado cara finais de ano.

A empresa adxudicataria deste importante proxecto, a UTE Construtora Ediserpo S.L. – Ogminos Proyectos S.L., iniciará seguidamente os traballos no tramo urbano que son as dúas melloras que ofreceu a concesionaria: dende a avenida da Estación á avenida de Vigo, e dende a Avenida de Vigo até Alcalde Hevia.

O proxecto foi adxudicado por 831.116,30 euros (a licitación foi de 1.126.174,48 euros) e permitirá recoller as augas sucias do Polígono da Reigosa, Vilaboa, e das parroquias de Marcón, Tomeza e parte de Salcedo para que vaian á Depuradora sen filtracións de auga.

A obra consiste en incrementar a capacidade do colector que recolle as augas fecais dende Vilaboa e do polígono industrial da Reigosa, acadar a estanquidade dos pozos para evitar que entre a auga do río e, na medida do posíbel, retirar o colector do propio leito do río dos Gafos pasándoo ás marxes do río pola senda de pescadores.

A obra está financiada polo Concello en colaboración coa Deputación, xa que o convenio asinado coa Xunta, finalmente, non foi executado por decisión unilateral do Goberno galego a pesar de que Augas de Galicia chegou a ter adxudicado o proxecto.

Dispositivo de tráfico

A rúa Ramón Otero Pedraio está pechada ao tráfico dende onte por un prazo aproximado de tres semanas. Ao tratarse dunha vía principal de acceso á cidade, a Policía Local realizará un dispositivo especial de tráfico na zona, que consistirá en: 

Os accesos á cidade polo sur distribúese por dúas vías:

    • Dende o nó do Pino a través da rúa Josefina  Arruti
    • Dende o cruce do Marco a través de Conde Bugallal

 As saídas da cidade cara o sur canalizaranse a través destes percorridos:

    • Doce de Novembro, Ponte nova dos Xulgados e Conde Bugallal para saír cara o Cruce do Marco.
    • Eduardo Pondal, Rúa da Estación e Josefina Arruti cara o nó do Pino e AP-9

Os condutores atoparán sinalización de guiado  tanto para entrar como para saír da cidade.

Permitirase o acceso á rúa Otero Pedraio aos residentes e servizos, segundo os planos que se achegan.