Loita contra a vespa velutina, chega a campaña de trampeo

124
  • O alcalde Miguel Fernández Lores e o concelleiro Alberto Oubiña ofrecen unha recepción aos voluntarios na Casa da Luz para agradecerlles a dedicación, tempo e traballo adicado a esta loita
  • En catro meses retiráronse máis de 350 niños e recibíronse 400 avisos
  • O Concello insta á Xunta a poñerse ao fronte do combate anti-velutina

Por en valor e agradecerlles a dedicación, o tempo e o traballo realizado. Con este obxectivo o alcalde Miguel Fernández Lores e o concelleiro responsábel de Medio Natural, Alberto Oubiña reuníronse na Casa da Luz cos voluntarios que loitan contra a vespa velutina no concello.

O equipo de voluntarios -arredor dunha vintena, todos eles apicultores- leva algo máis de catro meses de combate coa supervisión de técnicos municipais do departamento de Medio Natural. Neste tempo retiraron máis de 350 niños nas distintas parroquias do concello e recibiron uns 375 avisos de presenza de velutinas. Algúns niños, explicou o concelleiro Alberto Oubiña, inda non foron intervidos pola altura a que están, a dificultade para achegarse, etc.

Medio Natural recibiu tamén avisos que tiveron que desviar ao 112 ao ser de alertas de niños no centro urbano ou en concellos do arredor o que, á hora de facer balance, sube a máis de 400 os avisos recibidos.

O concelleiro de Medio Natural sinala que se ten detectado que “baixou a presión das vespas velutinas sobre as colmeas” mais tamén subliñou que imos a ter que aprender a convivir con esta praga, que chegou para quedarse.

O combate o contra a vespa velutina no Concello terá continuidade con tres liñas de traballo, aínda que “nós pensamos que ao fronte da loita ten que estar a Xunta, cun protocolo e programa definido; persoal e medios”.

As liñas de traballo son as seguintes:

-continuarase retirando niños co fin de diminuír no posible a poboación das vespas asiáticas. Traballarase con dous tipos de trampas, unhas especiais que serán instaladas polos voluntarios en lugares moi concretos e trampas domésticas.
-porase en marcha unha campaña de trampeo para atrapar e eliminar as raíñas e abortar no posible a proliferación de vespas invasoras
– impartirase formación teórica-práctica á veciñanza con obradoiros nos que, por unha banda, informaráselles aos asistentes de que é a velutina, como chegou, etc.

A Concellería de Medio Natural ten gastado 20.000 euros (aprox.) en dotar aos voluntarios de recursos: pérgolas, roupa, pesticidas, seguros…

Avisos

O Concello, a través de Medio Ambiente Natural, puxo en marcha un protocolo de actuación no caso de descubrir un niño de vespa asiática no rural, xa que nas zonas urbanas a encargada da retirada destes niños é a Xunta de Galicia a través dun protocolo específico en colaboración co 112 e os bombeiros.

No caso de que alguén descubra un niño deste tipo de vespa, o Concello solicita a súa colaboración enviando a localización en GPS do niño ao whassap do teléfono 679 411 930 (teléfono de Medio Ambiente Natural que non recibe chamadas, só atende mensaxes). O departamento porase en contacto co grupo de voluntarios encargados de retirar os niños para darlles a situación exacta.

A praga de vespa velutina ou vespa asiática é moi perigosa tanto para as persoas, como para as hortas, e tamén para as propias vespas doutras especies, xa que acaban converténdose en alimento das asiáticas, exterminando as poboacións de vespas.