“O teu comercio, na túa man” planta cara ao Black Friday

91
  • Os establecementos da rúa Rosalía de Castro e praza San Xosé terán tres dias de  descontos especiais: 23, 24 e 25 de novembro
  • A asociación Praza Nova, Aempe e Concello van da man nesta iniciativa a prol do comercio local que se desenvolve baixo a marca Pontevedra Capital Shopping
  • Terán unha nova cita dinamizadora -A Noite de Ilusión- o 15 de decembro

Os comerciantes da rúa Rosalía de Castro e praza de San Xosé plantan cara ao Black Friday coa posta en marcha da campaña “O teu comercio, na túa man”. Serán tres días de descontos especiais nos seus establecementos: o 23, 24 e 25 de novembro e de actividades de dinamización na rúa.

A asociación Praza Nova, Aempre e a Concellería de Promoción Económica van da man na aposta polo comercio local e a prol de Pontevedra – unha cidade que é un gran centro comercial aberto- que promove o Concello baixo a marca Pontevedra Capital Shopping.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías presentou hoxe a campaña xunto cos de Aempe, Conchi Pereiro e as representantes de Paza Nova, Conchi Rodríguez e María Olmos.

Anabel Gulías quixo por en valor ao comercio local da cidade “no que hai de todo, ten trato familiar e pódese comprar dando un agradábel paseo”. Engadiu que dende o Concello sempre se vai a apoiar as iniciativas de dinamización e promoción que impulsen os comerciantes e neste senso aplaude a creatividade e disposición amosada polos da rúa Rosalía de Castro e praza San Xosé.

Conchi Pereiro e Conchi Rodríguez coincidiron á hora de sinalar que o Black Friday prexudica ao comercio local, de proximidade, que ten que enfrontar un modelo apadriñado polas grandes superficies e multinacionais.

Non é a única iniciativa que ten na axenda este grupo de comerciantes pontevedreses. Tamén en decembro, o día 15, celebrarán a Noite de Ilusión, unha xornada na que os establecementos comerciais terán abertas as portas ata entrada a noite e na que ao longa da tarde desenvolverase un obradoiro infantil e haberá música na rúa. Nesta xornada instalaranse os adornos de Nadal na rúa feitos por escolares nas semanas anteriores, unha proposta coa que Aempe implica aos centros do ensino na promoción da cidade.

.