A Policía dispón dun radar para o control da velocidade no concello

213

    • Porao en marcha cunha campaña de control de tráfico nas vindeiras semanas

A Policía Local de Pontevedra xa dispón dun radar para o control da velocidade no concello. Esta nova ferramenta daralle autonomía, dado que nas campañas deste tipo que ten desenvolvido no pasado, tivo que facer uso dun equipo prestado pola Dirección Xeral de Tráfico. Ademais, vai completando a dotación do material necesario para realizar o seu traballo con garantías.

O radar é un equipo Velolaser 1.0 que mide a velocidade de circulación e documenta por fotografía aqueles vehículos que superan o límite. Está deseñado para medir en modo estático ben sexa cun operador (trípode, soporte, ou coche) ou de forma non atendida, é dicir, nunha cabina dun vehículo.

Consta de carcasa, cámara dixital de 5 megapíxeles, sensor láser, CPU e batería. Ademais, para manexalo disponse dunha tablet que se conecta mediante wifi a unha aplicación de control remoto.

A Policía Local porá en marcha esta nova ferramenta nas vindeiras semanas a través dunha campaña de control, que anunciará previamente, para traballar nalgunhas vías do concello na que se teñen detectado excesos de velocidade.