Aberta a contratación do novo parque infantil de Campolongo

103

    • Ten un orzamento de licitación de 300.000 euros.
    • Ocupará o espazo da antiga área para maiores e estará dividida en tres zonas: terá unha zona de descanso, outra para maiores e unha terceira para menores de seis anos.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o expediente de contratación do parque infantil de Campolongo por valor de licitación de 300.000 euros. Será un parque para un abano de idades moi amplo, situado no emprazamento da antiga área para maiores, recentemente retirada e situada entre o paseo cuberto do Gafos, a EEI Crespo Rivas e a piscina municipal de Campolongo.

A actuación pretende crear unha área de xogos de 930 metros cadrados, dividida en 3 zonas diferenciadas:

unha para os máis pequenos, menores de 6 anos. Esta área terá unha superficie de 200 metros cadrados e disporá de xogos inclusivos.

unha para maiores de seis anos, cunha superficie de 450 metros cadrados, na que se disporá dun xogo tipo tirolina, outro de cesta múltiple e unha torre que terá, alomenos, tobogáns de alturas entre os 2,5 e os 6,5 metros.

unha zona intermedia para os acompañantes e para os accesos cunha superficie de 450 metros cadrados, na que ademais de bancos tamén se instalarán mesas de xogo, outra de tenis de mesa e unha fonte adaptada.

Dada a grande variedade de xogos infantís existentes no mercado, no prego de licitación non se fixan condicións en canto a modelos ou número, xa que serían válidos xogos individuais ou individuais e colectivos, sempre mantendo as condicións anteriores.

O parque de Campolongo será, tal vez, o máis importante que teña a cidade. Foi unha decisión do Concello o de elixir este barrio para este novo equipamento infantil dado que é un dos barrios da cidade máis poboados e con maior poboación infantil, e só conta co parque do Cogumelo.