Discurso na homenaxe á Pontevedra Boa e xenerosa

11

Representantes institucionais e veciñais, compañeiras e compañeiros de corporación, familiares das persoas que lembramos hoxe, amigas e amigos

Por cuarto ano consecutivo, o concello de Pontevedra organiza unha homenaxe ás vítimas da represión franquista ao abeiro do programa A memoria das mulleres. Queremos con esta xornada continuar o camiño encetado no ano 1999, poñéndolle cores violetas a un labor de recoñecemento, reparación e gratitude que nunca será suficiente para compensar tanta dor. Mais que é absolutamente necesario para facer xustiza e coñecer a verdade que o franquismo e a súa herdanza quixo arrebatarnos.

Na primeira edición lembramos o persoal e cargos públicos municipais que sufriron persecución, cárcere, sancións e mesmo morte por ser fieis á legalidade republicana e a Galiza. No 2015 as protagonistas foron as mulleres perseguidas, as rapadas, tatuadas e violadas; as nais, irmás e compañeiras que se enfrontaron ao medo e á exclusión e sairon adiante; as mulleres de coraxe e de combate, as do loito e da loita; as que quedaron co peso da dor, co peso da culpa, co do silencio e a derrota e non desistiron; as que mantiveron acesa a luz da memoria e nola deixaron en herdanza; as rexas e as valentes; as resistentes e solidarias.

O ano pasado a homenaxe puxo o foco na Pontevedra obreira e agrarista, a da loita pola xustiza e a liberdade, que foi masacrada nas gavias, asasinada nos muros dos cemiterios, fondeada nas rías, encarcerada en escolas reconvertidas en prisións, sometida a décadas de silencio e de esquecemento.

Neste ano escollemos como motivo central deste acto a solidariedade. Porque no medio do terror, na atmosfera opresiva do fascismo, nos días dos desfiles dos homicidas e das homilías cómplices, no tempo dos xenocidas houbo xente de ben que axudou a calmar a dor, o medo, a fame e o desconsolo.

Queremos con este acto render tributo á Pontevedra que combateu o fascismo tecendo redes de apoio, creando refuxios para a xente perseguida, levando roupa e alento aos cárceres, protexendo da orfandade as crianzas. Ás xentes que procuraron pasaxes nun barco para fuxir da opresión e da miseria, as que crearon escolas clandestinas para nenas e nenos proscritos, as que levaban flores prohibidas aos cemiterios, as que amortaballan corpos acribillados, as que curaban as feridas do corpo e da alma, as que pintaban cruces nos lugares da infamia, as que deron calor, alimento e compañía a quen máis o precisaba.

Sen memoria non somos nada. Precisámola como alimento, como sustento, como o aire para respirar. Necesitamos a memoria da xente boa e xenerosa para ser mellores como persoas e como colectividade. Con feridas abertas, coa fenda do silencio, coa fractura das imposicións, coa amnesia legalizada, coa inxustiza do esquecemento os pobos nos avanzan.

Os pobos medran e son mellores coñecendo a verdade tanto tempo proscrita, rescatando os corpos das gavias e derrubando os muros da desmemoria –muros feitos de medo e de silencio.

Os pobos son libres impugnando os tribunais ilegais e as súas sentenzas infames, compartindo a dor e as bágoas que durante décadas non se puideron chorar, reivindicando os nomes, as vidas e os ideais que merecen estar con nós para sempre.

Neste tempo en que as democracias parecen estar de novo á intemperie, no que os mares se enchen de cadáveres e as fronteiras de arames de espiño, no que as primaveras da liberdade son estacións de venda de corpos escravizados. Neste tempo en que os traficantes de vidas e de armas fan negocio cos soños da xente, no que volven con impunidade os emblemas e as proclamas do fascismo, precisamos a luz da xente nobre, da xente boa e xenerosa. Precisamos a memoria limpa, humilde, sinxela que se mantivo en pé no interior das casas no tempo das prohibicións.

Queremos gardar con nós, o exemplo de fraternidade das Corseteiras, Aurora, Maria, Niza e Nieves, no seu percorrido rexo pola vida, da tenda ao cárcere: unha viaxe chea de coraxe, de dignidade e de amor.

Queremos gardar con nós a memoria das cestas de froita que chegaban á cidade desde a Ruibal, desde Xeve, desde Casaldorado. Cestas que viñan de casas humildes, nas que abondaba a partes iguais a necesidade e a xenerosidade.

Queremos que fiquen aquí os acenos valentes de quen perdeu todo –os soños, a vida, a facenda, o sorriso- mais nunca perdeu a dignidade.

Queremos compartir o orgullo que volve con elas, con eles. Porque forman parte da mellor historia de Pontevedra e van ficar con nós para sempre.