Ediserpo mellorará a accesibilidade peonil na praza de Barcelos

21
    • Completará a beirarrúa dende o Rouco até Barcelos, e instalará pasos de peóns elevados.
    • Este plan de mellora da accesibilidade tamén se realizará noutros puntos da cidade, en colaboración con Amizade.

A empresa Ediserpo será a encargada de realizar o proxecto de mellora da accesibilidade na praza de Barcelos por valor de 82.720,81 euros. A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá esta adxudicación que ten un prazo de execución de un mes e medio.

O Concello de Pontevedra en colaboración coa Asociación Amizade acordou hai unhas semanas a modificación de distintos pasos de peóns da cidade para adaptalos á nova directriz técnica municipal e resolver problemas de accesibilidade tanto para persoas con problemas de mobilidade como para invidentes.

Logo de estudar distintos puntos da cidade, acordouse facer dous tipos de intervención: nalgúns puntos é preciso corrixir o encontro da beirarrúa coa calzada, ou resolver pequenos problemas de accesibilidade; e noutros puntos haberá que corrixir o pavimento para persoas cegas.

Acordouse comezar pola praza de Barcelos porque ten moito tránsito de peóns. Aquí completarase a beirarrúa que parte da rúa Rouco cara a praza de Barcelos pola zona recentemente peonalizada, e tamén pór lombos en todos os pasos de peóns da praza, así como actuar nas beirarrúas de onde arrancan estes pasos.

Pero tamén se estudaron outros puntos da cidade como a avenida de Bos Aires, García Camba, en Sagasta, na avenida de Vigo ou en Eduardo Pondal. Neste caso, son desniveis de ramplas ou desaxustes nas alturas das beirarrúas e das calzadas.

Tamén se teñen detectado problemas cos pavimentos para persoas invidentes en Alfonso X e en Cobián Roffignac. Neste caso, preténdese mellorar os camiños que seguen os invidentes cara aos pasos de peóns, reducindo o número de lousas con botons que os confunden na súa andaina.