O calendario do Salón do Libro,  homenaxe ás escritoras galegas

17
    • O novo calendario do Salón do Libro, editado pola Deputación, repartirase dende mañá no Culturgal

Concello de Pontevedra e Deputación provincial, xunto á Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (Galix), colaboran para tratar de dar unha nova dimensión ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que se celebrará no Pazo da Cultura entre o 6 e o 29 de abril do vindeiro ano, e está adicado ás “Mulleres de conto”. O Pazo provincial foi hoxe o escenario da presentación do primeiro calendario do Salón do Libro de Pontevedra que recolle o cartel gañador e os doce finalistas do primeiro Premio de Internacional de Ilustración creado ao abeiro da vindeira edición do Salón.

O deputado de Cultura, Xosé Leal, a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, o presidente de Galix, Xosé Antonio Perozo, e a autora do cartel gañador, Ana Villegas foron os encargados de presentar esta nova publicación que se distribuirá  de balde durante o Culturgal, que se celebra dende mañá no Pazo da Cultura e no Recinto Feiral de Pontevedra. Imprimíronse 10.000 exemplares.

Durante a presentación do cartel, Xosé Leal lembrou que a Deputación de Pontevedra dedica o vindeiro ano á Lingua Galega, de aí a perfecta unión co Salón do Libro, que fai da capital do Lérez o referente da literatura xuvenil de Galiza. Tamén destacou que este calendario é o exemplo da proxección internacional do Salón, dada a listaxe de ilustradores de todo o mundo que o integran. Polo tanto “nada mellor para fomentar o uso da lingua”.

O presidente de Galix destacou a importancia da convocatoria do Premio internacional de Ilustración ao non existir precedente na Literatura Infantil e Xuvenil, e da confección deste calendario “que permitirá manter a presenza da Literatura Infantil e Xuvenil durante todo o ano”.

Pola súa banda, Carmen Fouces recordou que un dos retos da vindeira edición do Salón do Libro era a súa internacionalización baseada en dous piares: convidar a un país estranxeiro que se logrou coa recente visita a México “que traerá máis réditos dos que iamos buscar”, e a convocatoria do premio ao que se presentaron ilustradores de todo o mundo.

A autora do cartaz gañador, Ana Villegas, galega de Vigo, radicada en Italia, recoñeceu que lle resultou sinxelo realizar o cartaz ao ter claro que quería representar a mulleres que foron referentes para ela tanto no ámbito profesional como no persoal, de feito aparecen no cartel a súa avoa, a súa sobriña ou a súa nai, todas elas mulleres de contos.

Sobre o calendario

O calendario homenaxea a escritoras e escritores, e fai un percorrido polas datas de nacemento de autores universais que contan con obra traducida ao galego, así como de autores galegos.

As mulleres son as protagonistas do calendario. A súa pegada queda reflectida nas citas que acompañan a cada un dos meses. Recóllense voces de precursoras como Pura e Dora Vázquez; da pioneira Mª Victoria Moreno, a quen este ano se lle dedican as Letras Galegas; de Xohana Torres, autora da primeira obra infantil galega traducida ás outras linguas do Estado; de Palmira Boullosa, iniciadora na recuperación da tradición oral dirixida á infancia; ou de Mª Xosé Queizán, a primeira que introduce a perspectiva de xénero na literatura xuvenil.

Dáselle voz, tamén, ás autoras recoñecidas co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil: Fina Casalderrey e Ledicia Costas. Ambas premiadas tamén co Premio Lazarillo, xunto con Marilar Alexandre, Gloria Sánchez, An Alfaya e Ana Mª Fernández. E inclúese a voz de María Reimóndez, a gañadora do 1º Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade.

Sen dúbida a outra protagonista do calendario é a ilustración ao recoller o gañador do primeiro Premio Internacional de Ilustración, convocado por GALIX en colaboración co Concello de Pontevedra.

Cada un dos meses está protagonizado por unha das 12 ilustracións finalistas de dito certame, que foi convocado coa finalidade de escoller o cartel da XIX edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.