Máis de 700.000 euros para rehabilitar e remocicar vías en tres parroquias do rural
19
Quince empresas presentaron oferta para construír o Centro Social de Estribela.
A petición do Servizo, a Xunta de Goberno Local acorda incrementar o prezo por hora do Servizo de Axuda no Fogar, e amplía até xaneiro a presentación de ofertas.
O Concello de Pontevedra aprobou esta mañá, en Xunta de Goberno extraordinaria, a contratación de varias obras no rural por valor de 719.713 euros. Trátase de traballos de drenaxes e de rehabilitacións do firme en distintas parroquias.
En Campañó aprobouse a mellora da vía entre Cochón e Cabaleiro e entre Barragáns e Casal do Mendo por valor de 153.873 euros.
En Lérez, a rehabilitación integral do camiño da Fontaíña por 239.909 euros.
En Alba, a mellora da seguridade viaria e resolver a accesibilidade entre Touceda e Ponte Cabras por 164.718 euros.
Tamén na parroquia de Alba, entre A Devesa e Reiriz por 161.210 euros.
Centro Social de Estribela
O Concello tamén reuniu esta semana a Mesa de Contratación para a adxudicación do Centro Social de Estribela que ten un orzamento de licitación de 545.521,32.
A esta mesa presentáronse 15 empresas. Todas presentaron ben a documentación polo que, agora, os técnicos estudarán as ofertas e os proxectos.
O novo Centro Social de Lourizán dispón de dous andares. Na planta baixa (o que era o antigo mercado de Estribela que está pechado agás un espazo que ocupa unha concesión dunha carnicería), empregarase para usos específicos e menos cotidianos como conferencias, proxeccións, exposicións… Créase unha sala de 130 metros cadrados que se fai accesíbel dende o exterior creando un vestíbulo de entrada. Disporá de zona de almacén, aseos e dun office que poderá servir para facer cursos de cociña, por exemplo.
Esta planta é totalmente independente do segundo andar que ten o seu acceso directo dende a parte de atrás do edificio. Esta segunda planta ten unha superficie de 372 metros cadrados para almacéns, despacho, dúas aulas e aseos. O vestíbulo común a estas salas disporá de iluminación natural, xa que as paredes das salas non chegarán até o teito o que permitirá que entre a luz cara o vestíbulo central. Ademais, está previsto crear unha galería á vista en toda a fachada para dar maior luz a todas as dependencias.
Servizo de Axuda no Fogar
Ao mesmo tempo, o Concello aprobou en Xunta de Goberno a proposta do Servizo de Benestar Social Municipal para modificar o prego de licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nos seguintes termos:
Modificar o prezo por hora que pasaría de 14,25 euros a 14,75 euros máis IVE.
Tamén propón a modificación no relativo ao local que debe dispor a empresa, pasando de ter unha superficie de 200 metros cadrados a 100 metros cadrados.
Esta modificación obriga a volver a computar o prazo para a presentación de ofertas, de tal xeito que si estaba previsto rematar o 1 de decembro, agora non será até a primeira semana de xaneiro.
O concelleiro de Economía, Raimundo González explicou que non periga o servizo dado que o actual contrato está vixente até finais do mes de maio. Ademais, o concelleiro recoñeceu que o propio Comité de empresa se dirixiu ao Concello pedindo a posibilidade de revisar o prezo por hora dado que estaba moi axustado, especialmente tendo en conta que non se revisará durante o período do contrato (catro anos) nin a súa prórroga (un ano).