O alcalde visita Xoán XXIII para coñecer as novas unidades de atención a maiores e o inicio das obras da residencia

93
    • O terreo no que se levantará a residencia foi a cesión dun terreo municipal de case 2.000 metros cadrados.

O alcalde e a concelleira de Benestar Social Municipal, Anxos Riveiro visitaron esta mañá as instalacións da Asociación Xoán XXIII en Pontevedra para coñecer as novas unidades de atención ás persoas de máis idade así como o inicio das obras da nova residencia da entidade social.

A futura residencia da asociación constrúese nun terreo cedido polo Concello (recibido, á súa vez, no proxecto de compensación do polígono de urbanización de Fonte Santa) cunha superficie de 1.950 metros cadrados. Esta parcela linda, precisamente, coas actuais instalacións de Xoán XXIII.

A intención da entidade é a construción dun edificio para acoller unha residencia de 24 prazas e 35 de centro de día, coa posibilidade de que poida ser ampliada. O orzamento supera os dous millóns de euros, e o tempo de execución da obra, dous anos, prazo que se ampliará co proceso de dotación de equipamento para o novo edificio.

Neste momentos estase a comezar coa escavación, e a asociación continúa traballando para conseguir toda a financiación suficiente para executar o proxecto na súa totalidade, segundo explicou a vicepresidenta da entidade, Carmen Puga.

Unha vez que estea en marcha a nova residencia, será preciso dotala de persoal, especialmente tendo en conta que requirirá dunha atención de 24 horas. Na actualidade a Asociación Xoán XXIII emprega a 54 persoas.

Ademais, na súa visita, o alcalde coñeceu tres dependencias do colexio de Xoán XXIII para ver as novas unidades de atención a persoas maiores discapacitadas, unha nova situación coa que se topou a asociación e á que lle tivo que dar saída transformando todo o centro. Na actualidade Xoán XXIII ten inscritos a 160 adultos, dos cales 100 son maiores de 35 anos. Para eles, crearon 5 unidades de persoas maiores nas que se traballan actividades, tarefas e ritmos distintos aos do resto de centros ocupacionais.

Esta non é a única cesión recente que o Concello de Pontevedra lle fixo á Asociación Xoán XXIII. O pasado mes de agosto a Xunta de Goberno Local aprobou a cesión de dúas parcelas lindeiras en A Corva- San Brais, que suman 4.600 metros cadrados para a construción dun centro de formación e promoción do emprego para persoas con discapacidade intelectual, na que tamén está prevista unha parte de convivencia e lecer. Esta cesión sería por 75 anos.