Tapa Pontevedra 2017 (e mellor tapa creativa) para o bocado de El Cafetín,”Vieira afumada carballoelaurel sobre arroz de algas”

587
  • O xurado elixe “Pescada á galega” de Casa Román, mellor tapa tradicional e “Sopas de cabalo canso fúnxicas” do Bioco, mellor cóctel 
  • O primeiro premio de mellor tapa de con conserva de pescado foi para “Airbag de mexillón tigre” de Loaira
  • A Tapa Pontevedra competirá no certame “De tapas por Galicia” de Turismo de Galicia

Hoxe coñecimos aos gañadores/as do certame gastronómico Pontedetapas 2017, que promove a Concellería de Promoción Económica e da Cidade e no que nesta edición participaron 52 establecementos da cidade. Deles 35 competiron en tapas tradicionais, 23 en tapas creativas e 6 na categoría de cóctel.

As distincións entregáronse na Gala Pontedetapas que se desenvolveu na Casa da Luz coa presenza do alcalde Miguel Fernández Lores e de Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica e da Cidade. Os premios do xurado foron:

• Mellor tapa creativa. El Cafetín de la Alameda co bocado “Vieira afumada carballoelaurel sobre arroz de algas”

• Mellor tapa tradicional. Casa Román co bocado “Pescada á galega”

• Mellor cóctel. O’Bioco con “Sopas de cabalo canso fúnxicas”

Quedaron como segundos clasificados Loaira coa tapa creativa “Airbag de mexillón tigre”, O’Bioco coa tapa tradicional “Tosta do monte da Fracha” e Icewolf co cóctel en esferificacións “Perlas no Camiño”.

A Tapa Pontevedra, premio do público, foi para “Vieira afumada carballoelaurel sobre arroz de algas” de El Cafetín de la Alameda. Acadou por votación 11.507 puntos. O público deixou en segundo e terceiro lugar ao Restaurante La Cámara coa tapa tradicional “Torradas céltigas” (con 5.106 puntos) e La Ultramar coa tapa creativa “Empanadillas crocantes de tenreira galega, tetilla fundente e tandori” (con 4.764 puntos).

A Tapa Pontevedra será o bocado que competirá por Pontevedra no certame “De tapas por Galicia” que promove Turismo de Galicia entre os gañadores dos concursos gastronómicos das sete capitais galegas.

Elaboración, presentación, sabor, aroma, concepto, relación calidade-prezo, o emprego de produtos galegos ou a atención dos profesionais da hostalaría foron algúns dos aspectos avaliados polo xurado. A primeira criba foi realizada por un equipo integrado por profesores do CIFP Carlos Oroza, que escolleu a dez finalistas.

Ademais do Carlos Oroza, o xurado estivo formado polo bloguero gastronómico Alberto Rivas (Mais Grelos), Kike García Cerviño, da revista gastronómica La Alacena Roja, Marta Aymerich e Román Pereiro de ANFACO, e máis Alberto Cidrás Alfonso e Lorenzo Tilve Álvaro, dúas das catro persoas que completaron o pasaporte Pontedetapas 2016 e que foron convidadas para formar parte do xurado deste ano.

A Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Pescados, ANFACO, patrocinou esta edición por primeira vez o premio á Mellor Tapa con Conserva de Pescado e/ou Marisco, consistente nun trofeo e na realización dun showcooking no stand de ANFACO en Madrid Fusión. Loaira coa tapa “Airbag de mexillón tigre” foi o gañador.

Finalmente, de entre os 24.619 cupóns de votación válidos entregados polo público que participou dunha maneira activa no certame Pontedetapas escolleronse un por extracción ao azar dotado cun premio de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. Tamén sorteouse outro premio de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local entre os 675 usuarios da app que emitiron 2.009 votos.

Fíxose entrega tamén das ceas para dúas persoas valoradas en 60 euros a escoller entre todos os establecementos do concurso aos 19 pasaportes entregados na Casa da Luz todos eles completos.