Últimos traballos para mellorar a calidade de vida do carballo de Santa Margarida
21
Á espera da autorización de Patrimonio, está previsto o apuntalamento de dúas ramas principais da árbore cun sistema respectuoso coa árbore e a súa contorna.
Xa están completos os traballos de poda sanitaria, tratamento biolóxico e aireación das raíces.
O Concello de Pontevedra acaba de recibir nestes días o último dos proxectos para mellorar a calidade de vida do carballo de Santa Margarida, na parroquia de Mourente. É o último dos traballos programados de intervención controlada no centenario exemplar.
O proxecto elaborado por un calculista levou certo tempo a súa redacción e pretende colocar exactamente no punto preciso a solución adoptada. Consiste no apuntalamento de dúas ramas: unha delas crece cara a estrada e a outra crece en dirección ao centro da cidade. Ambas teñen problemas de conservación por ataques de fungos ou insectos xa tratados, e tamén por perdas importantes derivadas de roturas ou outros danos anteriores.
O sistema de apuntalamento proposto consiste na disposición baixo un punto escollido para cada rama, dun puntal de aceiro macizo articulado cunha rótula na súa base e articulado libre na cabeza cun coxín de caucho baixo a rama e unha cincha de amarre que envolva a rama para evitar a caída do puntal coa forza do vento.
Estes puntuais nacen de sendas zapatas sen que o seu encofrado afecte ás raíces da árbore.
A solución que se propón é respectuosa co carácter patrimonial da árbore e da súa contorna, por iso limita a posibilidade de deseñar unha estrutura que inclúa elementos aéreos. Ademais, a cimentación non debe afectar ás raíces, e a estrutura que se poña debe respectar o movemento natural da árbore e o seu crecemento.
Agora, a posta en marcha desta solución está pendente da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio para suxeitar dúas ponlas principais da árbore que corren risco de fractura e caída
Esta é a última fase de actuación no carballo de Santa Margarida acordada polo Concello e a Deputación o pasado mes de agosto, despois da caída dunha ponla de 200 quilos o 31 de xullo, e logo da avaliación realizada pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro da árbore senlleira.
Até o de agora se fixo unha poda sanitaria e para descargar a árbore. Tamén se realizou un tratamento biolóxico contra os insectos xilófagos e o pasado setembro se fixeron labores de osixenación das raíces da árbore que están tapadas por firme de asfalto.
En todo este proceso, o Concello contou co apoio do departamento de medio ambiente da Xunta de Galicia que autorizou estas intervencións.