Pontevedra acolle en marzo a final da Europa Cup de seleccións femininas de waterpolo e o Campionato de España infantil de natación

34

    • O Concello e as federacións española e galega concretaron esta mañá o plan de traballo destas dúas citas.
    • A proba internacional celebrarase do 22 ao 24 de marzo e participarán seis das seleccións femininas máis importantes do mundo.
    • O campionato infantil celebrarase do 25 ao 28 de marzo e traerá á cidade a 800 deportistas.

O Concello de Pontevedra mantivo esta mañá unha reunión coas federacións española e galega de natación para abordar a organización e o plan de traballo do Campionato de España infantil de natación e da Final a seis da Europa Cup de seleccións femininas de waterpolo que se celebrarán na cidade o vindeiro mes de marzo.

Na reunión estiveron presentes o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, xunto ao presidente da Federación española de natación, Fernando Carpena e o presidente da galega, Carlos Touriño.

O Campionato de España infantil de natación celebrarase do 25 ao 28 de marzo e traerá a Pontevedra arredor de 800 deportistas, que virán acompañados do equipo, familia e seareiros, prevendo que visiten a cidade arredor de 2.000 persoas.

A Final Europa Cup feminina de waterpolo celebrarase entre o 22 e o 24 de marzo, e traerá a Pontevedra a seis das seleccións máis importantes do mundo. Ademais de España, que por ser organizadora xa está clasificada, poderán estar as que actualmente disputan a fase de clasificación que se celebrará en Holanda e Grecia do 1 ao 4 de febreiro.

As seleccións que van xogar aquela fase son:

    • Grupo A: Holanda, España, Rusia, Francia e Croacia
    • Grupo B: Hungría, Italia, Grecia e Alemaña.

As dúas competicións serán retransmitidas por televisión, e a fase final internacional por televisións europeas. A importancia desta proba radica, polo tanto, na repercusión turística que terá para a cidade. De feito, é unha das citas deportivas máis relevantes do calendario municipal para o ano 2018, xunto ao Memorial Domingo Bárcenas de balonmán que se celebra no mes de xaneiro.

O Campionato de España infantil tamén é unha das pezas clave do calendario deportivo municipal ao ser un dos máis populosos que visiten a cidade en 2018. A importancia radica na repercusión económica que suporá para a cidade a presenza dunhas 2.000 persoas.

Ambas competicións celebraranse no complexo deportivo Rías do Sur.