Condolencias polo pasamento de Gonzalo Adrio Barreiro

44

O Concello de Pontevedra expresa o seu pesar polo pasamento do avogado, político e humanista pontevedrés Gonzalo Adrio Barreiro, ex concelleiro da Corporación municipal e premio Cidade de Pontevedra. O Concello quere trasladarlle as súas condolencias a toda a súa familia, amigos, achegados e, especialmente, ao Partido Socialista do que foi un destacado referente na cidade.

Ademais da súa coñecida e exitosa traxectoria profesional de avogado, a vida de Gonzalo Adrio estará sempre vinculada a Pontevedra por ser un acérrimo defensor das liberdades e dereitos democráticos, así como polo empeño persoal de recuperar a memoria histórica da cidade. Non en van, a súa traxectoria vital estivo marcada pola prematura morte do seu irmán José, a mans dos golpistas o 12 de novembro de 1936.

O Concello de Pontevedra tamén quere recoñecer a súa entrega social ao participar activamente na vida política local, da que foi concelleiro, polo PSdeG, no ano 1987.

Gonzalo Adrio recibiu o Premio Cidade de Pontevedra en 2004 por ser un referente do exemplo ético e da lexitimidade dos homes e mulleres que defenderon a causa da democracia e da liberdade fronte a ditadura e a súa barbarie; pola defensa dos valores democráticos e a súa contribución ao desenvolvemento e ao progreso da cidade; polo seu traballo a prol da recuperación da memoria histórica e a loita contra o esquecemento dos que sufriron a represión. De feito, cando a saúde o acompañaba, Gonzalo Adrio era un dos asistentes asiduos aos actos do Doce de novembro que recordaba a figura do seu irmán executado, ou aos actos de memoria histórica que tiña organizado o Concello.

Sen dúbida, Gonzalo Adrio xa ten deixado unha pegada imborrable na historia da nosa cidade como exemplo de infatigable defensor das liberdades e dos dereitos democráticos para a presente e as futuras xeracións.