Qbitia posiciona a Pontevedra no eido da innovación tecnolóxica e empresarial

433
  • A empresa, con sede na Parda, creou unha plataforma de software para mercados de capital e está presente en máis de 30 países
  • O alcalde Miguel Fernández Lores recibe ao seu fundador, Luis Taboada

Pontevedra ábrese camiño no eido da innovación. Empresas como Qbitia, creadora dunha plataforma de software para mercados de capital, para investir en Bolsa, e que ten presencia en máis de 30 países son un bo exemplo. O alcalde Miguel Fernández Lores, acompañado pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías recibiu hoxe ao CEO e fundador de Qbitia, Luis Taboada.

Qbitia é unha empresa “xenuinamente” pontevedresa. Creada no ano 2011, conta con 17 traballadores e “compite a nivel internacional dende a cidade de Pontevedra, dende o barrio da Parda” subliñou o alcalde que fala da necesidade de “visibilizar que é posíbel xerar actividade económica e emprego neste mundo globalizado, dende unha cidade que en principio está fóra dos circuítos financeiros”. O éxito da iniciativa sae a luz en cifras como a de 2 billóns de dólares de investimentos xestionados pola plataforma de Qbitia e en datos como a súa presenza en mercados de capital como, por exemplo, Londres, Chicago ou Nova York.

“Pontevedra é a miña cidade e gústame estar aquí” sinalou Luis Taboada quen subliñou que el e os outros membros da empresa imaxinan “o futuro aquí”. O fundador de Qbitia -elixido un dos cen executivos, de entre 30 e 42 anos, máis influentes do Estado polo Instituto Choiseul- aproveitou para “animar á xente a que emprenda, e que emprenda desde esta cidade pois hoxe en día co ecosistema que hai baseado nas novas tecnoloxías pode facerse”. “Pódese facer calquera tipo de innovación e de calquera sector desde aquí”.

Máis información: https://qbitia.com/about-us/