O Concello aposta por unha rede de devasas vexetais para loitar contra os lumes forestais

55
  • Encarga a creación dunha ferramenta de análise do territorio para guiar a localización das faixas de protección e a mellora da xestión das masas forestais do municipio
  • Concello, Universidade e Comunidades de montes van da man na loita contra os incendios no monte

O Concello de Pontevedra avanza no proxecto para definir os criterios de traballo e a política forestal de Pontevedra ao respecto da prevención dos lumes no municipio -que incluirá a creación dunha rede de devasas vexetais- e contribuír a ter un monte máis produtivo e que responda ás necesidades do século XXI.

O oncelleiro de Obras, Participación e do Rural, Demetrio Gómez, mantivo unha reunión cos representantes da Universidade, da Mancomunidade de Montes e das Comunidades de montes de Pontevedra para darlles a coñecer a ferramenta de análise do territorio que axudará a definir un plano de devasas anti lumes e a mellorar a xestión das masas forestais continuas. No encontro estivo o enxeñeiro forestal Manuel Peixoto que vai a crear dita ferramenta, na que investirá arredor de seis meses de traballo.

Hai tres meses da vaga de lumes, lembra Demetrio Gómez, e daquela “reunímonos coas comunidades de montes para recuperar Monte Vivo coa idea de traballar co fin de que “Pontevedra teña defensa contra os lumes, coa idea de crear devasas vexetais para que o lume non poida atravesar sen control dun lado a outro do territorio e teñamos capacidade de defensa no caso de que haxa”.

O primeiro paso é a creación da ferramenta que “nos diga onde é máis urxente actuar”, sinala o concelleiro Demetrio Gómez “e ese será o traballo de Manuel Peixoto, “unha recollida de información cunha tecnoloxía informática creada por el, que nos axude a definir as zonas de traballo prioritarias para o Monte Vivo no Concello”. “E unha ferramenta que se fará para o noso territorio, con tecnoloxía propia e para o monte galego, exportábel a todo o país” engadiu o concelleiro de Obras, Participación e Rural.

Segundo explica Manuel Peixoto a metodoloxía que vai seguir para desenvolver a ferramenta contratada “consiste en definir a partir da cartografía catastral aquelas zonas afectadas pola Lei de prevención de incendios forestais de Galicia”. Despois definirase unha serie de faixas de protección e calcularase a superficie de cada parcela afectada pola faixa e con estes datos poderase calcular os custes necesarios para actuar en cada parcela. Ademais vaise a incorporar datos de superficie de cada parcela, de orografía (cotas, pendentes, orientación..) e tamén por parcela datos da vexetación (altura e tipo de vexetación) e por último información dispoñible (con imaxes de satélite) da seca que sufre esa vexetación.

Con toda esta información “imos a saber cales son todas as superficies afectadas e o custe aproximado para implementar as medidas anti lumes” na que a creación das devasas será un eixo central.

O formulación desta ferramenta e o deseño da loita contra os lumes de Pontevedra foi cualificada de “pioneira” polos representantes da Universiade presentas ana xuntanza.

Á redacción dun plano de devasas vexetais do termo municipal de Pontevedra seguirá a priorización das actuacións concretas nesas devasas: xestión da biomasa (eliminación, rozas, traballos de mantemento…) e o seu aproveitamento para a produción de compost; a plantación de masas forestais resistente ao lume e outras medidas que se crean oportunas.