O Multisport Pontevedra 2019 perfila a súa estratexia de comunicación e promoción

119
  • Captar o maior número de deportistas non profesionais para as carreiras abertas, un dos seus obxectivos
  • O alcalde Miguel Fernández Lores presentará o pentamundial (Triatlón cross, triatlón longa distancia, aquatlón , aquabike e duatlón) en FITUR, onde tratará de posicionar a Pontevedra como destino de turismo deportivo

A maquinaria organizativa do Multisport Festival Pontevedra 2019 está en marcha. A primeira reunión técnica para a organización do Multisport Festival de 2019, celebrada hoxe en Madrid, serviu para poñer en común unha manchea de detalles sobre os que pivotarán a comunicación e o márketing do evento. As experiencias dos dous Multisports previos e os campionatos internacionais que leva organizados a nosa cidade fan que as expectativas para o pentamundial (triatlón cross, duatlón, aquatlón, triatlón longa distancia e aquabike) sexan altas. Trátase do principal evento que organizou nunca o triatlón español, e para iso é preciso coordinar ben os esforzos entre as tres partes: concello e federacións española e internacional de triatlón.

A sesión serviu para distribuír os papeis de cada entidade na promoción dun evento que non só ten como obxectivos a captación de deportistas que compiten no primeiro nivel federativo, senón tamén os afeccionados que se acheguen a participar nos grupos de idade, ou incluso familiares ou amigos dos propios triatletas.

Ofrecer unha gran festa deportiva que transcenda ás propias competicións como experiencia vital fixouse como un dos principais argumentos para a venta internacional do Multisport. En canto ás etapas da comunicación do evento, fixouse unha inicial ata xullo deste ano, cando terá lugar o Multisport de Fyn, en Dinamarca, outra a partires dese intre, concentrada nos grandes acontecementos deportivos destes deportes seguidos cada vez por máis persoas.

Tamén se deseñaron as liñas básicas da comunicación electrónica, tanto da propia web do campionato como das redes sociais, un instrumento esencial para lograr os obxectivos de captación de participantes.

Na xuntanza abordáronse sobre todo asuntos organizativos e de promoción e posicionamento da cidade e os campionatos que terán lugar o ano próximo. Ademais do director do servizo de Deportes do Concello, Jaime Agulló, e outros empregados públicos, participaron membros do staff técnico das federacións española e internacional de triatlón, que van da man do núcleo organizativo pontevedrés para este evento mundial.

Os campionatos do mundo que hoxe se agrupan baixo a denominación “Multisport” son os triatlóns cross e de longa distancia, o duatlón, o aquabike e o aquatlón. Este evento tivo lugar o pasado ano na cidade canadense de Pectinton e este na illa danesa de Fyn, con epicentro na súa capital, Odense.

Mañá 18 de xaneiro será o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da ITU, Marisol Casado, quen presenten publicamente as datas concretas de celebración do campionato así como algúns elementos básicos da comunicación, como a páxina web, un vídeo promocional e outros pormenores. No acto, a celebrar no stand de Galiza en Fitur, estarán presentes os máximos responsable de Deportes do Estado, José Ramón Lete Lasa, da Xunta de Galicia, Marta Míguez e outros representantes públicos e federativos.