O alcalde visita en Pontemuíños as obras de mellora da accesibilidade e calidade urbana do barrio

140
  • A actuación inclúe a ampliación de beirarrúas, calmado de tráfico, unha rotonda na cabeceira da avda. das Camelias para facilitar o xiro de autobuses e ordenar o estacionamento de vehículos
  • Instalarase un valado á pista polideportiva, na que se fará traballos de mantemento

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, acompañado polo concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, achegouse esta mañá até Pontemuíños co fin de visitar os traballos de mellora de accesibilidade e da calidade urbana que se están a facer no barrio. Con eles estiveron membros da asociación de veciños e técnicos municipais e da empresa.

As obras estanse a desenvolver ao longo da avenida das Camelias, que remata nun espazo sen saída pensado para xirar -ata agora cunha rotonda pintada no chan- pero que se está a usar como zona de aparcamento xerando problemas constantes cando os autobuses teñen que dar a volta. Estamos falando dunha zona con dous polos de atracción moi importantes, un centro educativo, social, sanitario -centro escolar para persoas con parálise cerebral- e un polo de atracción deportivo -as piscinas- ademais dos veciños e veciñas do barrio.

“É unha actuación para mellorar a calidade urbana e de accesibilidade de todo o barrio de Pontemuíños” explicou o alcalde xa “ampliamos beirarrúas, eliminamos e modificamos algún arborado que fai que as rúas non sexan accesibles de todo, imos a mellorar a pista polideportiva (pintado, canastas…) e o entorno cun valado arredor e cortando polas de algunhas árbores, poñer unha pequena zona verde, poranse dous lombos”. Son actuacións, todas elas, pedidas pola veciñanza, sinala o alcalde.

E para o problema xerado no remate da beirarrúa, substituirase a rotonda pintada por unha rotonda remontable polos autobuses e con elementos disuasorios para estacionar, “dificultamos co deseño urbano a mala utilización do espazo público” resumiu Fernández Lores.

Os traballos de mellora da accesibilidade en Pontemuíños teñen un custe aproximado de 180.000 euros e súmase a outras obras desenvolvidas ou que se están a desenvolver en Lourizán. “Nesta parroquia estamos facendo investimentos moi importantes” lembrou o alcalde quen visitará en días próximos as obras de rehabilitación do barrio mariñeiro do Cabo. Ademais estase traballando na obra de calmado de tráfico do CEIP A Carballeira e fixéronse quilómetros de mellora de conexión na zona de O Regueiriño, A Carballeira, Agrovello, etc.