O Concello repara máis de 700 pequenas incidencias no espazo público

173
    • O contrato de sostemento dos espazos públicos actuou, sobre todo, nos pavimentos nestes últimos dous anos.
    • Para mellorar a comunicación cos veciños, o Concello activa un espazo na web municipal na que todos poderán trasladar este tipo de deficiencias directamente aos servizos técnicos municipais.

O Concello de Pontevedra leva executadas máis de 750 intervencións de sostemento do espazo público en barrios, no centro da cidade e no centro histórico. O concelleiro responsable de Obras, Demetrio Gómez explicou esta mañá, que nos dous anos de contrato da empresa encargada destas reparacións (E.C.Casas) fixéronse, sobre todo, actuacións nos pavimentos, aínda que hai actuacións noutros ámbitos.

O Concello quere dar un paso máis alá para mellorar os espazos públicos da cidade, por iso porá en marcha mañá mesmo unha nova ferramenta dixital, instalada na páxina web municipal, que permitirá aos pontevedreses informar aos servizos técnicos municipais destas pequenas incidencias nas rúas e espazos públicos.

Segundo os datos que achegou Demetrio Gómez, no ano 2016 fixéronse 292 intervencións; en 2017 foron 424 e na primeira semana de 2018 rexistráronse 38 actuacións. A maior parte delas son melloras sobre o pavimento (baldosas, lastros… rotos, mal colocados, que se moven…) pero tamén hai actuacións en arquetas, sinalización, iluminación pública, árbores, sebes…

Ate o de agora, estas incidencias chegan aos servizos técnicos municipais por distintas vías: polas propias brigadas municipais, polos vixiantes de obras ou, incluso, avisos da  Policía que son prioritarios.

As 754 intervencións realizadas nestes dous anos de contrato (asinouse por 240.000 euros cada ano. Está vixente até abril de 2019 e coa posibilidade de prórroga por dos anos máis) supón “que o contrato funciona ben”. Na actualidade trabállase con tres equipos en distintos puntos da cidade, xa que no inverno incrementan las incidencias debido á chuvia.

Contacto directo cos veciños

Para mellorar a comunicación dos veciños co Concello, a Concellaría está a ultimar unha nova ferramenta na que os veciños da cidade poderán trasladar aos servizos técnicos municipais as incidencias de sostemento das rúas que se poidan atopar: lousas levantadas, puntos de luz que non funcionan, sumidoiros desprazados, ponlas caídas… Farase a través dun espazo dentro da páxina web municipal na que o veciño terá que cubrir un formulario cos seus datos persoais, explicando a causa da incidencia e, a ser posible, incorporar arquivos multimedia pequenos, que en conxunto non pesen máis de 20 megas.

Neste espazo, o veciño poderá sinalar cal é a causa da que informa: iluminación, pintura, sinalización, pavimentos, mobiliario, xardíns e outros.

Demetrio Gómez advertiu que unha vez que o veciño presente a súa petición deberá ser valorada polos servizos técnicos e decidir se se atribúen a este contrato de mantemento, ou se trata doutro tipo de intervención. É dicir, que a actuación municipal non será inmediata.

Este plan foi presentado esta mañá polo concelleiro de Obras, Demetrio Gómez á Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos.