O ganapán volve a abrir as súas portas mañá no Mercado coa visita dos escolares do CEIP A Xunqueira I

16

    • A ex concursante galega de Master Chef Junior, Ana Oca, fará dous obradoiros para as crianzas no “Ganapán Gourmet” que comeza este mesmo sábado.
    • Durante o curso pasado, máis de 1.200 escolares pasaron polo Mercado nas visitas dos centros.

Este xoves reiníciase a actividade escolar no espazo Infantil do Mercado, “O ganapán”, con dúas visitas dos nenos e nenas de Edicación Infantil do CEIP A xunqueira I. Os escolares visitarán o Mercado en dous grupos, ás 10.00 e ás 12.00 horas.

A partir desta semana, todos os xoves o Mercado estará cheo de crianzas das escolas locais, nunha actividade que consiste en visitar distintos postos (carne, peixe, marisco, flores, froita, ultramarinos…) para coñecer tanto os produtos do mercado como establecer contacto directo cos praceiros e praceiras. Ademais da venda, os nenos e nenas achéganse nestas visitas a todo o proceso dos alimentos, visitan a lonxa e as cámaras de conservación. Despois da visita, xa no ganapán, realizan actividades de plástica creativa relacionadas coa visita, que rematan coa degustación dalgún produto vinculado co Mercado (paté de mexillóns, froitas, queixo…).

A finalidade das visitas é dar a coñecer o Mercado e a xente que nel traballa, pór en valor o espazo e os oficios do mar e da terra, e concienciar ás crianzas da importancia de mercar e consumir productos frescos e de proximidade.

Durante o curso pasado máis de 1.200 nenos e nenas pasaron polo Mercado nas visitas escolares.

“Ganapán Gourmet”, os sábados

Ademais das actividades escolares entre semana, “o Ganapán” acollerá todos os sábados (agás os de Setima feira) desde este mesmo sábado, obradoiros familiares de gastronomía, obradoiros de cociña para os nenos e nenas dentro do ciclo “Ganapán gourmet”.

Coa colaboración de Sabela Fariña, de La Artesa, desenvolveranse actividades de cociña e degustación gastronómica a partir dos produtos do mercado: carne, peixe, froitas, verduras, queixos, embutidos… Cada día, os asistentes irán mercar directamente os produtos, cociñalos e, por suposto, comelos recén feitos. Patés vexetais, zumes, xeados, “smoothies”, sobremesas, petiscos e cociña de distintas partes do mundo variados, cociña de tempada culinarias do máis variado para que as crianzas proben e aprendan a cociñar a gran variedade de produtos que hai no Mercado.

Sen súbida, a estrela do “Ganapán Gourmet” será a ex concursante galega de Master Chef Junior Ana Oca, que chegou a finalista do mediático programa de cociña. O 10 de febreiro impartirá dous obradoiros culinarios sobre a gastronomía de Entroido.

Os obradoiros están destinados a nenos e nenas de entre 5 e 10 anos. Todos son de balde, mais para asistir é necesario reservar praza no email: oganapan@omercado.gal ou no teléfono: 604 024 645 (tamén se pode reservar por Whatsapp).