Eduardo Pondal súmase á compostaxe

58

O Concello de Pontevedra recibiu a petición da Asociación de Veciños Eduardo Pondal para a instalación dun composteiro comunitario entre as rúas Eduardo Pondal e Teixoeira. Para apoiar esta petición, os veciños recolleron a sinatura de 44 familias, arredor de cen persoas, que viven nos edificios que estarán lindando co composteiro. Onte presentaron no Concello estas sinaturas e as entregaron aos concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña.

Demetrio Gómez explicou que esta petición porase na man dos mestres composteiros que serán os que decididan a idoneidade do lugar escollido e o número de composteiros necesarios para atender a esta poboación. Tamén quixo agradecer a implicación dos veciños de Eduardo Pondal na compostaxe, un proceso que asume o Concello de Pontevedra sen precedentes coñecidos.

O presidente da asociación explicou que hai un tempo que veñen recollendo as sinaturas de veciños, aínda que só de aqueles que saben que non compostan porque outros veciños do barrio xa compostan nos seus balcóns ou nas súas fincas. “Todos amosáronse contentos con compostar”, asegurou Carballo, presidente da asociación.

A asociación Eduardo Pondal está en disposición de ampliar o número de sinaturas, polo que todas as persoas que queiran poderán levar a súa solicitude ao Local social do Gorgullón, onde o vindeiro día 5 de febreiro se celebrará unha reunión informativa á que asistirán os mestres composteiros para informar aos veciños de como se traballa no composteiro comunitario.

Pola súa banda, Demetrio Gómez indicou que o Concello está en disposición de atender e estudar as peticións de todos aqueles veciños ou asociacións de veciños que soliciten incorporarse á compostaxe como xa o fixeron noutros puntos do concello  veciños de Campañó, Monte Porreiro, a Brilat ou Campus universitario.