- O alcalde Miguel Fernández Lores expón a transformación urbana ante un auditorio, preocupado polo camiño a seguir no avance da peonalización polo centro de Elx
- O Institut d´Estudis Comarcals del Baix Vinalopó (IECBV) promoveu o acto
“Menos coches, máis cidade” foi o título elixido polo alcalde Miguel Fernández Lores para
a conferencia-coloquio sobre o modelo urbano de Pontevedra que protagonizou na tarde-noite en Elx, nun acto promovido polo Institut d´Estudis Comarcals del Baix Vinalopó
(IECBV). A entidade anfitrioa do alcalde quere profundar no coñecemento e debate sobre a
a necesidade de recuperar os espazos públicos para as persoas e o desenvolvemento de
cidades sostibles, nun momento no que o Goberno local de Elx avanza no seu proxecto
de peonalización.
Fernández Lores puxo enriba da mesa o proceso de transformación de Pontevedra: a
filosofía que o guía e as consecuencias desta aposta a prol das persoas. Datos como
cero mortos por accidente de tráfico (atropelos) dende o ano 2011; 70% dos movementos
da cidade a pé ou en bici; incremento da poboación urbana; o 81% de estudantes
camiñando aos centros escolares ou un aumento do turismo que acadou no 2017 un 28%
abriron a porta a un debate de máis dunha hora.
O público -e entre eles a concelleira de Mobilidade, Esther Díaz- interesouse por
cuestións tan diversas como, por exemplo, de que xeito os técnicos responderon ás
directrices políticas de transformación urbana, como se regula o tráfico das bicis pola
cidade sen carrís-bicis, como foi o proceso seguido para vencer a resistencia atopada ao cambio de paradigma para situar as persoas por enriba de todo ou como responderon os
pontevedreses á recuperacións dos espazos públicos…
A conferencia-coloquio na Fundación Caja Mediterránea puxo o ramo a unha intensa
xornada de intercambio de impresións e divulgación do modelo Pontevedra en Elx que
arrancara ás dez da mañá cunha primeira reunión de contacto cos responsables do
Institut d´Estudis Comarcals del Baix Vinalopó (IECBV) Joaquim Serrano, Hèctor Cámara
e Vicent Soler, e que incluíu un percorrido guiado e comentado polo centro da cidade con
membros do IECBV, representantes da Plataforma Salvem el Mercat e a concelleira de
Mobilidade, Esther Díaz; a atención a medios locais e unha recepción oficial, de carácter
protocolario, co alcalde de Elx, Carlos González na que estivo tamén a concelleira de
Relacións Institucionais, Mireia Mollá.