O campus da Xunqueira compostará todos os seus biorresiduos

18
  • É o primeiro campus do Estado que asume o tratamento dos seus orgánicos.
  • Estímase que nos dos centros de compostaxe do campus pódase tratar arredor de 50 toneladas de residuos orgánicos ao ano.

O Campus de Pontevedra comeza a compostar todos os seus biorresiduos a partir desta semana. Será o primeiro campus do Estado que asume o tratamento de todos os seus residuos orgánicos asumindo a necesidade da reutilización e devolver ao ciclo vital este tipo de restos. A estimación é que trate arredor de 50 toneladas ao ano.

A finais do mes pasado comezaba a instalación dun segundo centro de compostaxe no campus xunto ao estacionamento da Escola de Forestais (fronte ao campo de herba sintética da Xunqueira). Ademais da instalación da base do composteiro e do punto de auga, colocáronse seis módulos para o tratamento do compost.

Na actualidade o Campus universitario dispón dun centro entre as escolas de Ciencias Sociais e de Forestais. Ten dez módulos e composta arredor de 200 comidas da cafetería de Ciencias Sociais e 80 comidas da Escola de Forestais. Co paso dos meses e a retirada do compost, comprobouse que día a día, o proceso dos orgánicos demostrou que teñen un tempo de tratamento menor do previsto, polo que se considerou que era preciso un novo centro de compostaxe. De aí, a instalación do novo para atender á escola de Forestais.

Polo tanto, o novo centro de compostaxe atenderá soamente a Forestais, e o primeiro só á Facultade de Ciencias Sociais.

Cabe lembrar que nos tres primeiros meses de funcionamento do composteiro do Campus recolléronse 5 toneladas de biorresiduos. Segundo os técnicos, o compost xerado na Xunqueira é de moi boa calidade, carece de materiais pesados e ten un índice de nitróxeno biolóxico que ten chegado ao 7% (para facer compost de calidade agárdanse cifras do 2%).

A instalación do novo centro de compostaxe en Forestais é un compromiso do Concello de Pontevedra co Campus universitario dada que a produción do composteiro actual ten un rendemento superior ao agardado.