Os clubs xestionarán os novos campos municipais en barrios e parroquias

63
  • Xa está pactada a xestión co Monte Porreiro Club de Fútbol e tamén co club de Cerponzóns para xestionar o do barrio pontevedrés e o novo campo de Chan do Monte, que se está a construír.
  • Os clubs terán obrigas e dereitos ao respecto dos campos e tamén o Concello, que os cederá ás entidades por un período duns 30 anos.

O Concello de Pontevedra estuda cos clubs de fútbol de Monte Porreiro e de Cerponzóns sendos acordos para a xestión das infraestruturas deportivas municipais no barrio e na parroquia. Trátanse dos campos de fútbol e rugby de Monte Porreiro e do novo campo de fútbol de herba sintética de Cerponzóns, na actualidade, en plenas obras. Este modelo – similar ou parecido- servirá para rexer a xestión dos vindeiros campos de fútbol municipal que construirá o Concello: Santa María de Xeve, Campañó, Salcedo e Ponte Sampaio.

O concelleiro de participación cidadá, Demetrio Gómez explicou esta mañá que se están a manter encontros cos responsables dos clubs implicados para fixar os obxectivos de como se debería xestionar estas instalacións. Parecen claros os seguintes obxectivos:

  • Instalacións autoxestionadas que suporán unha mellora na calidade democrática do Concello.
  • Deberán prestar un servizo excelente.
  • Permitirá reforzar as estruturas dos clubs
  • Favorecer a práctica deportiva.

Entre as obrigas para os clubs están:

  • Conservar, limpar e manter a instalación
  • Abrir e pechar
  • Velar para que se empregue correctamente
  • Garantir que o resto de entidades deportivas tamén poidan empregar esta instalación.

Terán como dereito ser os primeiros en fixar os horarios de uso da instalación, en función das súas necesidades. No caso de Monte Porreiro, o Club comparte as instalacións xunto ao Mareantes e o Porteiro 2000.

Entre as obrigas do Concello están

  • Fixar os horarios da instalación
  • Velar porque sexa equitativa
  • Inspeccionar a instalación e verificar que estea ben
  • Facer os investimentos que sexan necesarios
  • Pago dos gastos de consumos (auga, luz..)

Entre os dereitos, o Concello resérvase horas para que outros clubs poidan empregar un bo horario (xeralmente, vespertino) tanto nos adestramentos como nos partidos de fin de semana.

Demetrio Gómez explicou que neste momento aínda se manteñen conversas con estes clubs para fixar ese número de horas, que tipo de reparacións deben asumir cada parte, así como pechar o traballo xurídico que lle dará amparo legal a esta cesión, que pode ser por 30 anos coa posibilidade de prórrogas entre seis ou dez anos.

O concelleiro tamén lembrou que si Pontevedra quere ser un referente en turismo deportivo, “haberá que dispoñer destas instalacións, por iso hai que fixar o tempo co que hai que avisar ao club para dispoñer dos campos”.

Demetrio Gómez adiantou esta mañá que a intención é ter o documento antes do inicio da vindeira tempada. E este documento servirá de base para as conversas cos próximos clubs que se fagan cargo dos outros campos de fútbol incluída na nova rede de instalacións deportivas que está a despregar o Concello nas parroquias do rural.