O Casino Mercantil súmase á aposta pola compostaxe do Concello

89
  • Nas súas instalacións de Casas Novas- Mourente xéranse 61 toneladas de biorresiduos ao ano, equivalente á produción de 180 persoas
  • As mestras composteiras darán formación ao persoal da entidade que autoxestionará o centro de compostaxe e manterán unha línea aberta de comunicación permanente
  • O composteiro ubicarase detrás do pavillón, a 100 metros da cociña do complexo lúdico-deportivo

O Casino Mercantil de Pontevedra súmase a nómina de produtores singulares que queren compostar, convencidos da necesidade da reutilización de todos os seus residuos o que encaixa nas súas directrices de traballo a prol do medio ambiente. Hoxe pola mañá o concelleiro de Obras e Participación, Demetrio Gómez, mantivo unha reunión co presidente e o vicepresidente da entidade, Ernesto Filgueira e Juan José Esperón co fin de concretar o acordo de colaboración que lles permitirá contar cun centro de compostaxe -de dez unidades- nas súas instalacións de Casas Novas-Mourente

Este acordo é o ramo dun traballo conxunto previo, “alí xa estiveron as mestras composteiras que fixeron un estudo” de necesidade e viabilidade, explicou o concelleiro Demetrio Gómez. Unha avaliación que recolle que no Casino Mercantil “xa se clasifica, ordena e recicla todo o que se pode”, mesmo xa se está a tratar algún biorresiduo para alimentación animal.

Segundo os datos recollidos, no complexo lúdico-deportivo do Mercantil xéranse 61 toneladas ao ano de biorresiduos, o que supón un 48,9% de todos os xerados no recinto, Equivale a produción de 180 habitantes. Tamén se ten visto a ubicación idónea do composteiro: detrás do pavillón deportivo, a 100 metros da cociña do complexo lúdico de Mourente.

O concelleiro de Obras e Participación subliñou que o acordo acadado co Casino Mercantil de Pontevedra é que o seu centro de compostaxe será “auto xestionado” inda que contarán co asesoramento técnico dos mestres composteiros. Un asesoramento que inclúe as seguintes visitas-supervisión:

  • 1º mes, tres visitas á semana
  • 2º e 3º mes, unha visita á semana
  • 4º e 5º mes, unha visita cada quince días
  • 6º mes e de aí en diante, unha visita ao mes

Ademais manterán unha liña de comunicación aberta para aclarar dúbidas, corrixir problemas, etc.

O acordo de colaboración Concello-Mercantil para a implantación da compostaxe nas instalacións lúdico-deportivas de Casas Novas-Mourente inclúe un programa de formación e información en tres pasos:

  • Curso de formación, dirixido ás persoas que van a xestionar a compostaxe
  • Obradoiro infantil, para nenos e nenas interesados no traballo a prol da natureza e medio ambiente
  • Charla aberta a todos os socios/as interesados en coñecer que é a compostaxe e o proxecto que se vai a desenvolver nas súas instalacións

O concelleiro de Obras e Participación amosou a súa satisfacción pola incorporación do Mercantil a aposta pola compostaxe, na que os produtores singulares son vangarda na cidade. O Mercantil, lembrou Demetrio Gómez, sumarase aos proxectos desenvolvidos na Cidade Infantil “Príncipe Felipe”, o campus da Xunqueira e a base da Brilat.