Bo ritmo nas obras do Campo de fútbol de Cerponzóns que estará listo en abril

60
  • O alcalde visitou esta mañá o desenvolvemento dos traballos. Neste mes estará instalada a herba sintética.
  • En breve compezará a reforma do novo campo de Santa María de Xeve, en Gatomorto.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá as obras de construción do primeiro campo de herba sintética que o Concello instala nas parroquias do rural: en Chan do Monte, parroquia de Cerponzóns. Comprobou o bo ritmo dos traballos que poderán estar rematados no mes de abril e que suporán un cambio substancial na dotación deportiva da parroquia, e tamén do municipio.

“A obra vai avanzada. Neste mes, poderán ter colocada a herba sintética. E xa están todas as instalacións para o rego, para as torres de electricidade…”, explicaba o alcalde, que tamén destacou que se está a avanzar na construción dos novos vestiarios e da cantina. O proxecto ten un orzamento de 864.972,38 euros, adxudicado á empresa Prace.

Fernández Lores subliñou que “este é un cambio substancial dun equipamento que permitirá que Cerponzóns teña un campo con usos, tamén, para outros equipos da cidade, onde hai unha masificación absoluta”. O propósito é “sacarlle a máxima rendabilidade á instalación”, manifestou.

Destacou que este novo campo “forma parte dunha xeira que o Concello promove no rural”. O seguinte en iniciarse será o de Santa María de Xeve, no lugar de Gatomorto, para despois continuar co de Ponte Sampaio e Campañó. De feito, anunciou que o de Cerponzóns e Santa María de Xeve deberan inaugurarse este ano, e incluso os outros dous “xa que son seis meses de prazo”, tempo suficiente para executalos en 2018 se a licitación se fai en prazo, “senón poderán rematarse a primeiros de 2019”.

Os campos de Cerponzóns e de Xeve están incluídos no convenio asinado coa Deputación provincial no que a institución provincial asume o 80% do custe e administración local financia o 20% restante, ademais de redactar os proxectos.

O proxecto

O proxecto do campo de fútbol de herba sintética de Cerponzóns contempla un terreo de xogo dunha superficie de 105×63 metros, é dicir, permitirá a creación dun campo de fútbol 11 e dous campos de fútbol 7. Crearase con materiais recomendados pola FIFA para poder seren utilizados en competicións oficiais.

O complexo tamén disporá dun edificio de vestiarios (derrubarase o actual) de 392 metros cadrados con catro vestiarios para xogadores, dous para árbitros, enfermería e almacén para aparellos de fútbol, limpeza e outros elementos. Tamén disporá dunha sala de instalacións.

Construirase un segundo edificio -máis pequeno- que substituirá á cantina, que tamén se derrubará. Terá aseos e novos accesos.

Serán edificios de liñas rectas, sinxelos, de formigón sen que destaquen demasiado para que non invadan a paisaxe espectacular. Levarán unha parede de vidro, que será a que dá ao campo. E todo o edificio estará recuberto dunha celosía metálica que impide a visión de fóra cara dentro. Permitirá a entrada da luz durante o día, e facer del un edificio eficiente durante a noite.

O tellado será de pedra granítica e transitable.

Sepárase o acceso dos deportistas e do público, e o complexo terá auga quente dunha caldeira de biomasa.

Na súa visita, o alcalde estivo acompañado dos concelleiros de Obras e Deportes, Demetrio Gómez e Anxos Riveiro, así como do director do servizo de Deportes municipal, Jaime Agulló, dos técnicos municipais responsables da obra, do equipo redactor do proxecto e dos responsables do Club Cerponzóns que, unha vez construído, se farán cargo do seu mantemento.