O Concello comeza a reparación da Casiña de José Pedro Croft

72
    • Situada no conxunto escultórico da Illa do Covo, tiña desprendida algunhas lousas da cuberta e movidas algunhas dos laterais debido ao crecemento das árbores nas que está embutida.

O Concello de Pontevedra iniciou hoxe os traballos de arranxo da escultura “A Casiña” do artista portugués José Pedro Croft, situada na entrada da Illa do Covo. A escultura ten desprazada algunhas das pezas de perpiaño das paredes, e tamén ten un furado na cuberta. Todas estas incidencias están ocasionadas polo crecemento e movemento das árbores nas que está enxerida esta escultura.

Os traballos da mañá foron escasos porque a marea impedía acceder á Casiña, pero puxéronse valos ao arredor. Pola tarde continuarán a traballar ao igual que na vindeira semana.

Segundo recolle o proxecto de reparación, as lousas da cuberta “deslizáronse polo seu peso e polos empuxes que exerce a árbore que se apoia no lateral”, e igual lle sucederon a algunhas lousas dos paneis laterais, coa posibilidade de que se poida descolgar algunha outra peza da cuberta.

Ante esta situación, a concellería de Parques que xestiona Alberto Oubiña, solicitou un orzamento de rehabilitación a Xeve, escultura e cantería, para que estudase a escultura e propuxese unha intervención. O responsable da empresa traballara no seu día na instalación do complexo escultórico da Illa do Covo, polo que a intervención se fai dende o punto de vista técnico, pero tamén respectando a esencia artística da Casiña, logo de falar co comisario da exposición, Antón Castro.

A proposta de intervención é non fixar ou coser a estrutura xa que “cando hai un colapso estrutural, este non avisa en forma de fisuras ou de desprazamentos”, polo que se opta por tratar peza a peza, estudando cada detalle de cada unha delas.

Sobre as lousas rotas da cuberta, vanse repoñer por outras de iguais características, e suxeitar as dos laterais, logo de limpar as raíces que fan que se movan.

Os traballos completaranse cunha pequena poda das árbores para poder repoñer as lousas e tamén para evitar futuros danos.

Conxunto escultórico

A obra é un conxunto dunha casa con catro paredes e cuberta a dúas augas, toda sen aperturas. Feita en granito Gris Mondariz, A Casiña está instalada nun grupo de árbores que a arrodean a diferentes distancias e algunha delas quedaron embutidas. Ten unha dimensión de 20x12x12 metros.

O autor da Casiña, José Pedro Croft vive e traballa en Lisboa. Foi un dos artistas responsables da reactivación da arte portuguesa na década dos 80, e considerado pola crítica como renovador da escultura no seu país. A súa obra baséase na experimentación cos materiais, cores e estruturas, e a súa relación co espazo.

Fixo A Casiña en 1998 no marco do proxecto artístico “Illa das Esculturas” promovido polo Xacobeo 99. O proxecto parte da idea de transformación permanente dunha paisaxe real a través da arte. Para iso convidáronse a doce artistas estatais e internacionais para que ideasen un proxecto específico para a Illa. Os convidados foron: Giovanni Anselmo, Fernando Casás, José Pedro Croft, Dan Graham, Francisco Leiro, Richard Long, Robert Morris e Anne & Patrick Poirier.