Ás portas do Entroido 2018

1138
  • Os do Val do Lérez darán a benvida a festa, cun pregón misturado con teatro, mímica e cancións
  • O debuxante Kiko da Silva, autor dun cartaz no que o loro Ravachol é a propia cidade
  • A concelleira de Festas, Carme da Silva, anima a sumarse a unha festa con actividades para todos/as e na a retranca e o bo humor non ha de faltar

Estamos ás portas do Entroido-2018. A concelleira de Festas, Carme da Silva presentou hoxe o cartaz, a programación e aos pregoeiros da festa máis retranqueira do ano. Xunto a ela o autor do cartaz, o debuxante Kiko da Silva e a dous membros do grupo Os dos Val do Lérez -Johnny Güimil e Alberto Rosendo- os encargados de dar a benvida e convidar a todas e todos a gozar do entroido pontevedrés.

A partir do venres 9 de febreiro, coa chegada do Rei Urco e a lectura do pregón, até o sábado 17, co velorio e o enterro do loro Ravachol, Pontevedra mergullarase na festa que ten na retranca, no que parece e non, na crítica e no humor a súa identidade. Nenos e nenas, mozas e mozos, homes e mulleres ocuparán a cidade cun mesmo afán: Gozar.

O pregón, o desfile, a presentación do loro Ravachol, o concurso de murgas, a noite (e a cita infantil) pirata, a concurso de parodias ou o enterro do loro son citas imprescindibles do entroido da cidade do Lérez, que chega con novidades. Entre elas unha noite pirata con incorporación dunha flota pequena que acompañarán aos navíos de Benito Soto; un novo premio (e serán cinco) no concurso de murgas; o adianto da entrega dos premios da parodia á 1 da madrugada (unha hora antes) ou o cambio de ubicación por mor dunha obra, mais na mesma praza da Peregrina, da botica de D. Perfecto Feijóo.

“O loro é a propia cidade” sinalou o autor do cartaz do Entroido-2018 quen o viu moi claro ao observar un plano de 1950. Kiko da Silva enfrontou, unha vez máis, o reto de facer o cartaz do entroido de Pontevedra xogando coa idea dun plano do tesouro, e o tesouro é o noso loro moas senlleiro. “Ravachol está oculto no propio mapa da cidade e así entroncamos a noite pirata, o entroido, Ravachol e de paso a Benito Soto”.

A participación, que medra ano a ano, é marca entroido-Pontevedra e por elo o Concello convida aos protagonistas da festa a ser os pregoeiros en sinal de recoñecemento. Nesta ocasión será o grupo Os do Val do Lérez os que darán o pistoletazo de saída ao Entroido-2018. Johnny Güimil e Andrés Rosendo xa avanzaron que non será un discurso ao uso, “haberá un pouco de teatro, un pouco de mímica, cantaremos… e xa non podemos dicir máis”.

Os do Val do Lérez levan 15 anos participando dun xeito activo no entroido de Pontevedra, como comparsa, grupo de parodia, murga e nos últimos temos como “cantaores” dunha particular saeta a Ravachol.