O Concello inicia un proceso de regularización dos vaos

69
    • Ante a diversa casuística, comeza unha inspección para coñecer a situación dos preto de 1.500 vaos que existen no municipio e daralles unidade entregando unha placa oficial e homologada, de balde, a quen queira sumarse a esta inspección.
    • Será o Concello o que se poña en contacto cos propietarios ou respresentantes das comunidades.

O Concello de Pontevedra iniciará, de oficio, a revisión de todos os vaos permanentes da cidade. A través dos servizos de disciplina urbanística e da oficina de arquitectura, co apoio da Policía farase un traballo de campo en todo o concello para coñecer o estado dos vaos da cidade. Segundo a información que obra nas bases de datos municipais, hai 419 vaos nos arquivos (do Casa Consistorial ou de Froebel), 238 vaos nas bases de fomento, 300 nas bases de disciplina urbanística e 1.866 na oficina de xestión tributaria.

Segundo a previsión da concelleira responsable de disciplina urbanística, Carme da Silva, na cidade haberá arredor de 1.400 o 1.500 pasos permanentes en distintas situacións. Algúns teñen licenza e pagan taxa, outros pagan taxa pero non teñen licenza e, incluso, hainos que non teñen nin licenza nin pagan taxa.

Durante o ano 2018, o Concello creará un grupo de traballo de catro persoas para facer este traballo de supervisión dos vaos. Farannos fóra da xornada laboral, polas tardes, dada a carga de traballo dos servizos. De feito, a concelleira agradeceu a dispoñibilidade dos traballadores que participen nesta inspección. 

Con esta inspección preténdese:

    • Actualizar os vaos que teñen licenza e pagan taxa
    • Dar licenza a aqueles que pagan taxa pero non están autorizados
    • E regular os que non teñen nin licenza nin pagan taxa.

Carme da Silva explicou que non é preciso que ningún veciño ou responsable de comunidade de veciños se achegue ao Concello por esta actualización, xa que será o Concello o que comunicará a cada propietario ou responsable de comunidade a situación na que se atopa o seu vao e a oportunidade de regularizalo (xa que é unha cuestión voluntaria).

Ademais, será o Concello quen entregue as placas de vaos oficiais e homologadas (a custe cero), tratando de unificar tanto a estética como de regularizar a diversa casuística existente na actualidade. O custe destas placas será de 16.800 euros.

Segundo recolle a ordenanza fiscal de entrada de vehículos a través das beirarrúas:

    • Garaxes e aparcadoiros particulares de vivendas unifamiliares ou fincas e recintos particulares: o importe anual será de 24,63 euros.
    • Garaxes de comunidades para uso exclusivo de vivendas: o importe anual será de 24,63 euros, ao que se engadirá a cantidade de 3,70 euros por cada praza.