A reforma de Benito Corbal amplía beirarrúas e crea aparcamentos de servizos

117

    • Os concelleiros Demetrio Gómez e Anabel Gulías manteñen esta tarde unha reunión co comercio da zona, ás 21.00 horas, na Casa da Luz para presentarlles a reforma.

O Concello de Pontevedra mantén esta tarde unha reunión cos comerciantes e empresarios da rúa Benito Corbal (entre as rúas Sagasta e Cobián Areal) para presentarlles o proxecto de reforma da rúa para adaptala ao modelo Pontevedra. A reunión é as 21.00 horas na Casa da Luz.

O concelleiro responsable de Obras, Demetrio Gómez acompañado da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías exporán que o obxectivo da reforma é mellorar e afondar no modelo Pontevedra especialmente nesta zona, de grande importancia comercial. Polo tanto, pretende mellorar a calidade de vida e a mobilidade tanto peonil como de vehículos privados.

Demetrio Gómez explicou esta mañá que é un ámbito cun tráfico peonil moi intenso, polo que é preciso ampliar os espazos para peóns.  Deste xeito, reducirase o espazo do vehículo privado que quedará confinado a un carril en toda a vía, e o resto gañarase para os peóns.

A actual sección é de beirarrúas de 3 metros de ancho, máis 2,10 de prazas de estacionamento e un carril de circulación de 3,50 metros.

No novo proxecto, as beirarrúas pasarán a catro metros de ancho e a calzada baixarase a 3,20 metros. O estacionamento quedará na marxe dereita (no sentido da circulación) que será, ben de servizos, ben de carga e descarga (segundo consideren este tarde os comerciantes).

As medidas de seguranza viaria son a redución do ancho do carril e a instalación de pasos de peóns elevados. En concreto, no cruzamento das rúas Blanco Porto e Benito Corbal será un paso elevado na súa totalidade.

Non está previsto demoler as beirarrúas, só se ampliarán. Aínda que si está previsto o asfaltado xeral de toda a rúa. Para garantir o paso das cabalgatas e desfiles, cortaranse as acacias da marxe esquerda da rúa.

Trátase dunha intervención “lixeira” que terá un custe de 218.000 euros e un prazo de execución de catro meses. Neste momento, o proxecto está no Servizo de Contratación.