O Concello acomete o acondicionamento integral da Xunqueira de Alba
74
Logo dos mantementos e reparacións dos últimos anos, está previsto unha reforma xeral nos espazos públicos, mobiliario e infraestruturas da Xunqueira por case 200.000 euros.
Está previsto rehabilitar o paso principal, as canles de pluviais, reconstruír e reparar todas as pasarelas e miradoiros, demoler as estruturas da antiga ponte e outros traballos en mobiliario.
O proxecto pasará nestes días a contratación para que este ENIL poida estar listo no verán.
O Concello de Pontevedra acaba de rematar o proxecto de acondicionamento da Xunqueira de Alba que en breve pasará a contratación cun prezo de licitación de 195.376,86 euros. Seguindo cos criterios de desenvolvemento urbano sostible, o Goberno quere aplicar as directrices de transformación urbana da cidade compacta nos seus bordes e na periferia, tratando de implementar o modelo da cidade nos espazos naturais para acadar a máis alta calidade urbana e facelos accesibles.
Durante estes anos fixéronse distintos traballos de mantemento e reparación nos espazos, no mobiliario e tamén na infraestrutura da Xunqueira, pero neste momento xa ten esgotada a súa vida útil e é preciso facer unha intervención en profundidade neste ENIL (Espazo Natural de Interese Local).
As obras que están proxectadas son:
Reconstrución das pasarelas e miradoiros de madeira existentes
Rehabilitación do paseo principal de acceso á Xunqueira de Alba, incluíndo a limpeza de sumidoiros e recuperación de bordos de pedra.
Demolición de estruturas de antiga ponte.
Mantemento de mobiliario urbano, bancos, fontes, etc.
Reparación da varanda metálica na ponte sobre o río Rons.
E as melloras que os licitadores poderán incluír no proxecto son:
Limpeza do elemento principal de desaugue do paseo que leva ata o Parque da Deputación, incluíndo retirada e posterior reposición dos elementos de cubrición, nunha lonxitude de 130 m, cun custe total de execución material de 1.430,00 €.
Reparación do miradoiro grande da Xunqueira, incluíndo a substitución de táboas rotas e tratamento con Lasur de todas as pezas; reparación, parafusado, limpeza e pintado de varanda metálica; e reparación e pintado de murais exteriores, cun orzamento de execución material de 4.490,00 €.
Reparación da caseta de observación, incluíndo reposición de táboas, limpeza e tratamento con Lasur, cun custe estimado de execución material de 1.800,00 euros.
En breve comezará o proceso de execución da obra que terá un prazo de execución de tres meses, de tal xeito que poida estar listo de cara ao verán.