Novo convenio entre Deputación e Concello para financiar os campos de Campañó e Ponte Sampaio

115
    • Asinarase o vindeiro venres, 23, ás 11.30 horas.

O Concello de Pontevedra e a Deputación provincial asinarán o vindeiro venres, ás 11.30 horas un novo convenio de colaboración para a execución, nesta ocasión, dos campos de fútbol de herba sintética de Campañó e de Ponte Sampaio. A contía do convenio será de 2.396.557 euros, que serán financiados integramente pola institución provincial.

O investimento previsto para o campo de Campañó é de 999.437 euros. O Concello xa dispón do proxecto e tamén da cesión do terreo do actual campo de terra, no monte da Tomba, onde se construirá o novo.

Prevese crear un terreo de xogo de de fútbol 11 e dous campos de fútbol-7. A iluminación retirarase até o extremo para aproveitar ao máximo o terreo de xogo.

Instalaranse catro vestiarios para deportistas e dous para árbitros. O campo de herba cumprirá os parámetros da Fifa Quality. Tamén disporá de bancada, aseos, cantina, almacén e zona de maquinaria.

As edificacións disporán dun recubrimento de Viroc (lousas de fibrocemento) que non fagan destacar os edificios co terreo. Como singularidade, terán cinco fachadas. Estarán dispostos de tal xeito que parece un só edificio polo que se “filtran” as persoas usuarias, aínda que en realidade o público só pode entrar entre os tres edificios finais para pechar a zona dos futbolistas.

Ao respecto do campo de Ponte Sampaio, o investimento será de 1.397.120 euros porque está incluído nesta contía o derrubo do actual campo de fútbol, así como os traballos de escavación e de recheo no novo campo, dado que é un espazo de xunqueira e serán precisos estes traballos previos.

Os campos de Campañó e o de Ponte Sampaio serán o terceiro e cuarto campos de fútbol de herba sintética que o Concello contratará neste mandato: O de Cerponzóns, en Chan do Monte, adxudicado á empresa Prace por 864.972,38 euros está construíndose e o de Santa María de Xeve, en Gatomorto adxudicado a Covsa por 859.953,23, e está coas actuacións preliminares.