Arranca a campaña de captación de voluntarios para os eventos deportivos de 2019

104
    • Serán precisas arredor de 800 persoas para participar nos cinco campionatos do mundo do Festri, o europeo infantil de loita e o mundial infantil de balonmán.

A Concellaría de Deportes arranca esta fin de semana coa campaña de captación de voluntarios para os eventos deportivos que acollerá a cidade no ano 2019: o Festival de Tríatlon (5 campionatos do mundo), o europeo infantil de Loita e o mundial infantil de Balonmán. A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro presentou esta mañá a campaña acompañada de parte do equipo que coordinará aos voluntarios para estes eventos.

Segundo os datos da Oficina de voluntariado, serán precisas arredor de 800 persoas para coordinar todos os eventos anteriores. Xa no ano 2014, co campionato do mundo de Dúatlon participaron máis de 400 voluntarios para realizar distintos labores.

Os requisitos para ser voluntario destes eventos é ser maior de 16 anos (para os que se solicitará unha autorización paterna). As persoas interesadas poderán obter máis información no teléfono 644 890 595 ou ben a través do correo oficinadevoluntariado@gmail.com

As inscricións poderán facerse a partir do vindeiro luns, 5 de marzo, na páxina web do campionato de tríatlon.

En sinal de recoñecemento a todo o traballo feito arredor dos eventos deportivos nestes últimos anos, a Concellaría de Deportes celebra mañá, a partir das 20.00 horas, unha pequena homenaxe aos voluntarios. Será no Local Social do Gorgullón, que se fixará como centro de operacións da Oficina de voluntariado. Estarán alí os venres pola tarde e os sábados pola mañá.

Ás persoas que participen recibirán cursos de formación de protocolo, inglés, primeiros auxilios ou turismo. Tamén disporán de uniformidade e acreditación, seguro de accidentes e recibirán un certificado de colaboración.

Dende a Oficina de voluntariado estase a traballar na posibilidade de facer encontros de voluntarios até o ano 2019.