Redeaxuda colabora coa Escola de Xadrez para conseguir libros escolares en inglés para os campos de refuxiados

30
    • As persoas poderán entregar até o vindeiro 15 de marzo os libros ben na Casazul, sede de Redeaxuda, ben no acto de presentación da nova edición “Xadrez, estratexia pola paz” que a Escola presentará o día 15 no Casino Mercantil.

Redeaxuda colabora coa Escola de Xadrez de Pontevedra que o vindeiro 21 de marzo volverá a localidade xornada de Azraq nunha nova edición do seu proxecto “Xadrez, estratexia pola paz” para levar o xadrez aos campamentos de refuxiados. Seguindo as peticións da ONG Unicef, este ano a Escola de Xadrez solicita libros escolares de inglés xa que resulta moi díficil atopalos na zona para a aprendizaxe da segunda lingua.

As persoas interesadas en aportar estes libros de inglés poden facelo entregándoos no acto de presentación da campaña que a Escola de Xadrez de Pontevedra fará no Casino Mercantil o vindeiro día 15 de marzo, ou calquera outro día na Casazul en horario de mañá. Se a achega de libros superase o peso que poden trasladar nesta viaxe, os sobrantes serían entregados nun futuro ou doados a outra entidade/proxecto solidario.

A Escola de Xadrez de Pontevedra (asociación sen ánimo de lucro que traballa dende 2001 desenvolvendo actividades de promoción do xadrez para todas as idades e niveis) iniciou ano 2016, ante a situación actual de Siria e das persoas refuxiadas, o proxecto “Xadrez, estratexia pola paz” coa ilusión de crear unha escola de xadrez no campamento de refuxiados de Azraq, Xordania.

A actividade foi moi ben acollida e desde entón manteñen o contacto realizando formación, entrega de material e asesoramento. O próximo 21 de marzo volverán a Azraq co obxectivo de seguir transmitindo os valores educativos do xadrez e o apoio da cidadanía preocupada pola situación das persoas refuxiadas.

Realizan actividades de xadrez con adultos e nenos/as nos centros de Acnur e Unicef, polo que, ademais de levar material de xadrez, sempre preguntan a estas Ongs por aquelas achegas que lles poden resultar útiles.

Información e contacto: escola@xadrezpontevedra.com ou na Escola de Xadrez de Pontevedra, en Praza Curros Enríquez S/N (edificio do Casino Mercantil e Industrial).