Comeza a construción do muro de contención na avenida de Bos Aires

17
  • Terá unha lonxitude de 140 metros e 6 metros de altura. Evitará a caída do noiro da rúa Holanda debido á saturación do terreo.

O Concello de Pontevedra iniciou o pasado venres os traballos de construción do muro de contención na avenida de Bos Aires para evitar o derrubo do noiro da rúa Holanda, a consecuencia da saturación do terreo, polo que existe risco de colapso e novos derrubes. O muro de contención levantarase a continuación do executado no ano 2014, no principio da avenida de Bos Aires, antes de chegar ao barrio de Monte Porreiro.

Os traballos comezaron co desmonte do noiro nunha lonxitude de 140 metros. Hoxe están afianzado as cabezas do que será o muro para evitar riscos de caídas, e mañá poderán comezar coa cimentación do novo muro, que terá unha altura de seis metros.

A empresa Covsa é a encargada de facer a obra por valor de 317.326,60 euros. Esta reparación tramitouse pola vía de urxencia dado que as últimas chuvias provocaron que o noiro viñera abaixo.