O Concello aproba a substitución por led da iluminación pública en Bora

17
    • Tamén se aprobou a licitación do acondicionamento integral da Xunqueira de Alba

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o inicio da licitación da mellora do alumbrado público de Bora no que se substituirán 501 luminarias por tecnoloxía led de última xeración. Ademais da substitución das luminarias tamén se reporán os brazos dos postes no caso que fose necesario.

O orzamento de licitación é de 209.856,79 euros. Ademais do aforro do 60% do consumo enerxético, a substitución por leds mídese en mellora da eficiencia enerxética xa que iluminan máis e de máis calidade; menos contaminación lumínica con menos emisión de CO2 e a redución do número de averías, xa que a obra implicará, tamén, a substitución dos cadros e da instalación eléctrica.

A empresa terá o prazo dun mes para a substitución.

Esta é a terceira parroquia na que o Concello substitúe toda a iluminación pública por leds. Hai uns días aprobouse a substitución dos tramos das parroquias da Canicouva e Ponte Sampaio, que carecían del. A intención do Goberno é continuar a mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública no resto de parroquias.

Xunqueira de Alba

A aprobación do expediente de contratación do acondicionamento da Xunqueira de Alba foi outro dos asuntos que aprobou esta mañá a Xunta de Goberno por valor de 195.376,86 euros.

As obras que están proxectadas son:

    • Reconstrución das pasarelas e miradoiros de madeira existentes
    • Rehabilitación do paseo principal de acceso á Xunqueira de Alba, incluíndo a limpeza de sumidoiros e recuperación de bordos de pedra.
    • Demolición de estruturas de antiga ponte.
    • Mantemento de mobiliario urbano, bancos, fontes, etc.
    • Reparación da varanda metálica na ponte sobre o río Rons.

E as melloras que os licitadores poderán incluír no proxecto son:

    • Limpeza do elemento principal de desaugue do paseo que leva ata o Parque da Deputación, incluíndo retirada e posterior reposición dos elementos de cubrición, nunha lonxitude de 130 m, cun custe total de execución material de 1.430,00 €.
    • Reparación do miradoiro grande da Xunqueira, incluíndo a substitución de táboas rotas e tratamento con Lasur de todas as pezas; reparación, parafusado, limpeza e pintado de varanda metálica; e reparación e pintado de murais exteriores, cun orzamento de execución material de 4.490,00 €.
    • Reparación da caseta de observación, incluíndo reposición de táboas, limpeza e tratamento con Lasur, cun custe estimado de execución material de 1.800,00 euros.

A execución da obra terá un prazo de execución de tres meses, de tal xeito que poida estar listo de cara ao verán.