Lores participa no Salzburg Global Seminar, interesado na Pontevedra cidade dos nenos e nenas

31
  • O alcalde falará da mobilidade alternativa da cidade, da relación mobilidade- educación infantil, unha das principais motivacións do evento
  • Aportará a perspectiva institucional sobre a construción de mellores cidades para a infancia e ao seu carón estarán Jonathan Gill (manager da multinacional Unilever) e Sean Southey (directivo de Media Impact)

“Saúde nenos e natureza” é o título da sesión 608 do Salzburg Global Seminar (SGS) na que participarán mañá, nun encontro informal, o alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, que foron convidados por este prestixioso centro de estudos austríaco de dimensión internacional para expoñer a experiencia de mobilidade alternativa de Pontevedra e a súa relación coa mobilidade e a educación infantil, unha das principais motivacións do evento.

Será o mércores 7 de marzo pola mañá cando a primeira hora interveña o alcalde, desde a perspectiva institucional, sobre a construción de mellores cidades para a infancia. Estará acompañado de Jonathan Gill, manager da multinacional Unilever e Sean Southey, directivo de Media Impact, que falarán respectivamente desde as perspectivas empresarial e mediática.

O SGS é unha veterana entidade dedicada ao estudo de tendencias globais relacionadas coa saúde, a educación, a cultura, economía, xeopolítca, asuntos LGTB, a xustiza e a sustentabilidade. Ten como obxectivo “desafiar os líderes actuais e futuros a resolver problemas de interese global”.

A súa sesión 608 quere estudar a relación entre a infancia e a natureza, desde as investigacións e o activismo ata as políticas para o cambio global. O dereito de nenos e nenas ao espazo público e o seu desenvolvemento como persoas está no cerne desta convocatoria: “Se os nenos non poden xogar ao aire libre e con seguridade, a súa saúde física e mental sufrirá, afectando ás súas posibilidades de vida, tanto na escola como máis aló”.

SGS. Programa