A reforma da rúa Lepanto inclúe unha pequena praza chegando a Benito Corbal e plataforma única

228
  • O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez presentou o anteproxecto municipal á veciñanza nunha asemblea celebrada na Casa da Luz
  • Será unha reforma integral, aproveitarase a obra para renovar os servizos

Plataforma única en toda a rúa, completamente accesíbel, alta calidade construtiva e coa recuperación para uso da veciñanza, a modo de pequena praza, do aparcamento que hai no entronque con Benito Corbal. Son ás liñas que definen o anteproxecto de reforma da rúa Lepanto feito polo Concello que presentou o concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez, aos veciños/as e comerciantes da zona nunha asemblea celebrada na Casa da Luz.

“Cumprimos o compromiso acadado cos veciños e veciñas de facer un anteproxecto antes do remate do inverno” sinalou Demetrio Gómez quen engadiu que “ agora terán que estudalo, facer as propostas que consideren necesarias e despois farase o proxecto definitivo.

A actuación prevista na rúa Lepanto cumpre cos parámetros de calidade urbana e que fan de Pontevedra un modelo coñecido e recoñecido. Será un espazo accesíbel para todos, unha plataforma única, co paso reservado á veciñanza e aos servizos en calquera punto da rúa. “Ademais propoñemos unha alta calidade construtiva que serve non só para a mellora e goce da veciñanza se non para implementar os comercios e negocios na zona, porque non hai que esquecer que somos unha cidade de servizos”.

O pavimento que se propón é lastro confinado en bandas de formigón, o que facilita o seu mantemento.

A rúa terá continuidade no espazo ao lado do edificio da Xunta, no que hoxe en día é aparcadoiro, onde se habilitará unha zona de estancia. Segundo explicou o concelleiro de Obras e Mobilidade, enriba da mesa hai dous solucións para este espazo:

  • a instalación de 5 bancos, separando este espazo da rúa
  • converter o espazo nunha pequena praza con árbores, coas liñas desprazadas e deixando un paso máis angosto.

O proxecto da rúa Lepanto será “unha reforma integral” , subliñou o concelleiro Demetrio Gómez, polo que se aproveitará a obra para renovar os servizos: saneamento, augas pluviais e fecais. Se manterá a iluminación da rúa (xa con tecnoloxía LED) aínda que se modificará a da zona de estancia para adaptala aos parámetros de sostenibilidade.

A reforma da rúa Lepanto terá un custe de 253.855 euros, a agarda das achegas que podan formular veciños/as e comerciantes.

Lepanto. Planta con bancos      Lepanto.Planta con árbores

Lepanto Detalle con bancos     Lepanto. Detalle con árbores