Pontevedra arranca a súa presenza en Mextrópoli con tres intensas xornadas de debates e acordos institucionais

40

    • Esta tarde o alcalde participa nunha mesa redonda con distintos responsables de mobilidade, urbanismo e vivenda en Ciudad de México para abordar a gerintrificación das urbes.
    • Mañá está previsto que Mextrópoli coñeza o modelo Pontevedra cunha conferencia do alcalde na sede central deste evento internacional sobre arquitectura e cidade que se celebra en Ciudad de México.
    • Na xornada do martes, Lores asinará un convenio coa Secretaría de Desenvolvemento Económico do Estado de Ciudade de México e fará unha visita á Casa de Galicia.

O Concello de Pontevedra participa hoxe e até o martes en Mextrópoli 2018, Festival de Arquitectura y Ciudad, que se celebra en Ciudad de México, un dos eventos máis importantes neste eido en América Latina. Trátase dunha cita internacional do sector ao que asisten arredor de 55.000 persoas dende o pasado xoves até o martes 20 de marzo, e no que está volcado toda a cidade.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías partiron onte cara Ciudad de México para participar activamente en Mextrópoli. A súa presenza comeza hoxe mesmo cunha mesa redonda baixo o título “Urbanizar sin gentrificar: transformación inclusiva de la ciudad”, na que participan Jorge Wolpert, Rodrigo Rivero Borrell, Sañudo, Mónica Tapia, Zara Snapp e modera Miguel Adrià.

A mesa redonda será ás 17.00 hora local (00.00 hora de Pontevedra) no Centro Cultural El Rule, e nela abordarase un dos grandes problemas das grandes cidades de hoxe en día co progresivo e consciente abandono e empobrecemento de barrios das cidades, que despois son recuperados, a prezo de saldo, polas capas sociais e ecónomicas con máis recursos.

O luns 19

Na xornada de mañá, 19 de marzo, o alcalde dará unha conferencia ás 10.10 (hora local, ás 17.00 hora de Pontevedra) sobre a cidade de Pontevedra. Será no Teatro Metropólitan, a sede central das conferencias que se imparten en Mextrópoli.

Será o segundo en disertar neste foro, despois da inauguración oficial, e compartirá xornada cos gañadores do premio Prikzker 2017, RCR Arquitectos, de Olot; o director, guionista e productor de cine Alfonso Cuarón; Johnston Marklee, directores artísticos da Bienal de Chicago 2017; Michèle Larüe-Charlus, directora xeral de Ordenación e Planificación Territorial de Burdeos; Aaron Betsky, comisario da 11º edición da Bienal de Venecia,… entre outros.

O martes 20

Na axenda do martes, 20 de marzo, o último día que a delegación de Pontevedra estará en Ciudad de México, está incluída a sinatura dun memorandum (protocolo) de colaboración coa Secretaría de Desenvolvemento económico do Estado de Cidade de México para fomentar o crecemento de oportunidades entre ambas cidades.

En principio, este memorandum formalizarase en cinco áreas de cooperación. Dentro do desenvolvemento económico, por exemplo, aparecen referencias como a promoción de acordos para negocios e inversións; misións comerciais; xerar espazos de promoción ecónomica; compartir información e brindar asesoría; promocionar o turismo; apoio á inversión directa…

Ao salir do encontro co secretario de Desenvolvemento Económico de Ciudade de México, o alcalde e a concelleira visitarán a Casa de Galicia en Ciudade de México, a petición da súa directiva. Para, a continuación, coller voo de regreso a Galiza.