Pontevedra, exemplo de transformación de toda unha cidade, dunha sociedade

31
  • A tenente alcalde, Carme da Silva reivindica o espazo público como un dereito e subliña que o feito na cidade é moito máis cunha peonalización
  • Fala do modelo Pontevedra no encontro “Repensando o espazo público” da ASA, Asociación Sostenibilidad y Arquitectura que agrupa a arquitectos e urbanistas
  • No encontro avaliouse tamén a experiencia de Bellvitge e Canyelles (Barcelona) e o Paseo Prado-Recoletos-Castellana de Madrid

O modelo Pontevedra foi un dos tres casos prácticos de transformación urbana analizados e debatidos no encontro “Repensando o espazo público” que organizou ASA (Asociación Sostenibilidad y Arquitectura). Foi a tenente alcalde, Carme da Silva quen expuxo en Madrid o proceso, as características e a filosofía que converteron á cidade do Lérez nun referente coñecido e recoñecido no mundo.

Xunto a ela estiveron: o arquitecto Emilio Hormias Laperal que falará da experiencia de Bellvitge e de Canyelles (Barcelona) e o enxeñeiro-urbanista Carlos Corra do departamento de Mobilidade do Concello de Madrid que presentará o Paseo Eje Norte- Sur Prado-Recoletos-Castellana.

O encontro-debate estivo moderado polo arquitecto Fernando Porras Isla, profesor na Escuela de Arquitectura de Toledo e da Universidade Europea de Madrid e nel participou tamén Dolores Ortiz, da Subdirección Xeral de Cooperación Territorial Europea quen tomará a palabra para falar da implantación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible que promove e cofinancia a UE.

Pontevedra definiu e puxo en marcha un proxecto que vai máis alá dunha peonalización do centro histórico, de restrición de tráfico nunhas determinadas áreas, puxo en marcha “un proceso de transformación que implica a toda a cidade, á sociedade en seu conxunto”, que prioriza ás persoas invertendo os parámetros de mobilidade aínda habituais e que teñen no coche a súa guía, explicou Carme da Silva, quen reivindica “o espazo público como un dereito”.

Fronte a iniciativas sectoriais de mobilidade, a tenente alcalde sitúa o modelo Pontevedra, un proxecto de recuperación dos espazos públicos para ás persoas, inclusivo, igualitario, democrático e vivo.

O encontro “Repensando os espazos públicos” foi organizado por ASA (Sostenibilidad y Arquitectura), unha asociación independente, sen ánimo de lucro formada fundamentalmente por arquitectos/as e urbanistas e que ten como obxectivo: a promoción de actividades dirixidas á realización e desenvolvemento de principios de dispoñibilidade, calidade e innovación na arquitectura e urbanismo.